Un novo parque eólico ameaza á Serra do Galiñeiro

FOTO: SOS GROBA // Recreación do parque eólico na Serra do Galiñeiro.

Estamos ante unha nova ofensiva para a serra de Galiñeiro. A semana pasada apareceu no Rexistro Eólico de Galicia un parque eólico correspondente aos montes de Gondomar e Tui na mesma entrada do Parque Natural Monte Aloia. Está na fase de Pendente de Admisión. Este polígono aparece co topónimo mal escrito. Consta de oito aeroxeradores, unha torre de medición e unha subestación da que non dá datos da evacuación da mesma. Catro dos muíños están en Peitieiros na estrema con Morgadáns, e os outros en territorio de Tui próximo ao monte Paraguda.

“Despois de once anos loitando pola ampliación á toda a serra de Galiñeiro do Parque Natural Monte Aloia, isto resulta un despropósito. Día a día asistimos ás artimañas da Administración movendo muíños de vento de un polígono a outro para confundir á poboación. Documentos expostos ao público durante soamente quince días. Empresas que se poñen en contacto cos afectados/as cando xa a tramitación está resolta. Todo isto estamos a vivilo na serra da Groba. Polígonos eólicos ciscados por calquera parte do territorio, sen previa ordenación. Lexislando a través das chamadas Leis de Acompañamento para impedir que a xente acceda á normativa. En definitiva, un atraco á cidadanía! E agora aparece este nas portas dun Parque Natural que ten necesidade de ampliación!”, lamentan desde o movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”.

Segundo a plataforma, non soamente Galicia, España enteira está afectada desta febre eólica, desta ansia de especulación. O vindeiro sábado16 de outubro, na manifestación de Madrid berrarán “Enerxía eólica, así non”. “Preténdese presentar coa faciana de ecolóxica e sustentable unha explotación enerxética que no fondo non fai máis que servir ao engorde económico das empresas multinacionais. Toda esta enerxía, que en principio é “verde” non favorece aos cidadáns/cidadás do territorio que a sustenta e menos ao medioambiente onde están instaladas os polígonos. Estas son as deturpacións ás que o sistema capitalista somete calquera idea ou concepto!”, conclúen.