Gran acollida de público na presentación do libro “Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona”

O Hotel Bahía de Baiona acolleu o sábado 9 de outubro, a presentación do libro “Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona. Delimitación do seu conxunto histórico” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de María Paz Sáez Pérez e Ana Simóns Sánchez.

“Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona. Delimitación do seu conxunto histórico” érguese como un arduo traballo de investigación sobre a vila de Baiona, con fotografías a toda cor, no que se pretende analizar en profundidade o Conxunto Histórico de Baiona, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1993, co obxectivo de mellorar a súa protección e conservación, e procurar a súa revitalización e rehabilitación; así como a súa rexeneración urbana.

Para analizar en profundidade como exercer esa protección patrimonial, esta guía-estudo recolle a historia e evolución da vila de Baiona a través de diversos soportes que apoian a investigación realizada polas autoras, como son mapas, imaxes e gráficos que determinan a defensa e posta en valor do Conxunto Histórico. Unha viaxe a través do tempo para evidenciar o valor histórico da vila de Baiona.

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.