A Treboada Son Galego de Donas enche de música tradicional o casco vello de Lugo

A Asociación de Gaiteiros Galegos organizou este domingo a XXIII edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, que contou coas actuacións de 15 grupos de música tradicional galega, chegados dende distintos puntos da xeografía galega e da comarca Eo Naviega, e con distintas formacións (grupos de gaitas, pandeireteiros, treboadas, murgas, etc…) que encheron da nosa música o casco vello da cidade de Lugo no día máis emblemático das festas de San Froilán.

A comarca do Val Miñor estivo representada pola Treboada Son Galego de Donas, Gondomar. A muralla de Lugo quedou impregnada dos sons dos bombos, caixas e gaitas desta agrupación ao longo de todo o día e dos diversos pasarrúas. Unhas actuacións que foron moi aplaudidas polos alí presentes, xa que este tipo de formacións non son moi coñecidas fóra do sur de Pontevedra.

Os grupos participantes na mostra actuaron en horario de mañá e de tarde no casco histórico da cidade, facendo pasarrúas por distintas prazas e rúas, de tal maneira que toda a xente que entrara na cidade, fora recibido co son da nosa música tradicional.

Esta mostra, na que a AGG xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible. É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.