Gondomar en verde pola saúde mental

Gondomar súmase ao Día Mundial da Saúde Mental e ao lema elixido este ano pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para sensibilizar e informar á sociedade sobre esta enfermidade: “Atención de saúde mental para todos: fagámola realidade”, atendendo a unha demanda exposta pola sociedade, asociacións e profesionais sobre a necesidade de dotar de recursos e medios humanos necesarios para atender ás persoas que padecen problemas de saúde mental.

Faise fincapé no feito de que os casos creceron moito tras a pandemia e en todos os tramos de idade, especialmente na mocidade. Ademais se subliña a necesidade de prestar atención aos factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas persoas en igualdade de condicións.

Como en anos anteriores a Casa do Concello iluminarase a partir da medianoite de verde, seguindo neste caso a invitación da asociación Avelaíña de Saúde Mental, que desenvolve a súa actividade na comarca. Luz que representa ás persoas con problemas de saúde mental e que busca informar e desmitificar ideas erróneas que existen en moitas ocasións sobre estas enfermidades.