A Garda Civil e a súa loita contra os furtivos por vía penal

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Marcos Lago Vidal, tenente-comandante do Posto Principal da Garda Civil Baiona-Nigrán.

Ao longo dos anos a actividade extractiva do percebe conviviu con aqueles que pola súa conta e risco deciden lanzarse ás rochas rasqueta en man para sacarse uns euros sen ter as licenzas correspondentes, saltándose as vedas e pasando por alto as tallas mínimas expoñéndose tan só a faltas administrativas.

Sancións e multas que na inmensa maioría das ocasións quedaban en saco roto debido á insolvencia dos furtivos, o que lles permitía reincidir unha e outra vez alimentando a economía mergullada mentres que os profesionais dados de alta sufrían as consecuencias da extracción indiscriminada do crustáceo.

Se este feito parece grave, hoxe en día a situación é moito peor e lesiva que outrora porque as actuacións individuais hoxe comparten oco coas colectivas, que van en aumento.

Auténticas organizacións formadas por un número considerable de persoas que seguen as directrices dun ou varios “cerebros” ou xefes que xerarquizan as operacións moi ben delimitadas partindo da vixilancia, a extracción, transporte, distribución, contravixilancia ou mesmo o seu “branqueo” para metelos no mercado como produto lexítimo.

O tenente-comandante do Posto Principal da Garda Civil Baiona-Nigrán, Marcos Lago Vidal, equipara este tipo de estruturas coas do narcotráfico, el é o responsable da operación de maior calado contra este tipo de actividade posta en marcha na Ría de Vigo.

“Rasqueta II” desarticulou unha rede cinco veces maior á da súa predecesora en 2019 e que se saldou con 6 detidos, 4 investigados e máis de media tonelada de percebe incautado. Un crecemento exponencial se se ten en conta que da primeira á segunda tan só houbo pouco máis dun ano de diferenza.

Grazas á reforma do Código penal en 2015 ábrese unha porta á penalización da actividade ao enmarcarse dentro dos delitos relativos á flora e a fauna incluíndo as penas de prisión que de seu non adoitan carrexar cárcere ao non superar os 2 anos, aínda que en casos de reincidencia sumada a pertenza de organización ilegal este feito si que pode chegar a producirse.

“Esta actualización xorde en resposta ás demandas para reprimir de maneira efectiva un fenómeno que xera graves problemas sociolaborais, sociais e económicos nun sector estratéxico como o é en Galicia”, explica.

Ademais desta problemática súmanse os riscos potenciais de tipo sanitario xa que segundo explica o mando do Instituto Armado, “xa non é só que os produtos non pasen ningún tipo de control, senón que moitas veces déixase o crustáceo fóra da auga durante horas e a temperatura ambiente á espera de ser trasladados, evadindo os nosos controis de maneira segura, co que en moitas ocasións non serían aptos para o consumo”.

Lago reitera neste caso a actividade dá un salto pasando de algo eventual a continuado “con dirixentes e participantes que están por diante, por detrás e no lugar”, que acoden a dobre marea a unha media de 35-40 quilos por cada unha o que supoñería un importe diario aproximado de 3.000 euros.

“Falamos de que a cantidade incautada podería superar os 18.000 euros no mercado sen ter en conta todo o produto que non localizamos, pero calculamos que este grupo puido estar gañado sobre 30.000 mensuais a repartir entre xefe e integrantes do mesmo”, incide.

Sobre o seu destino, o tenente do Posto Principal Baiona-Nigrán precisou que é moi variado: desde a venda a particulares ao sector hostaleiro. Con todo o máis rechamante de todo é o armazón posto en marcha para legalizalo.

Grazas a un dos integrantes do grupo, mariscador dado de alta e socio da Confraría “La Anunciada” de Baiona, parte do percebe poñíase no mercado coa súa guía de circulación. “Ao ser un percebeiro en activo é coñecedor das zonas acoutadas polo depósito, entre Monteferro e preto da Guarda, el aproveitábase para adiantarse cos seus socios e esquilmalas deixando as rochas completamente arrasadas”, aclara.

Precisamente as denuncias interpostas pola agrupación encabezada pola súa patroa, Susana González, foron determinantes para desarticulala sumado á colaboración incesante dos gardapescas e Gardacostas da Xunta.

16 persoas relacionadas con delitos de furtivismo

Desde os cambios realizados no Código penal en 2015, só no Posto Principal de Baiona-Nigrán figuran un total de 16 persoas implicadas en delitos de furtivismo xa que ademais das operacións “Rasqueta” e “Rasqueta II” tamén levaron a cabo intervencións individuais.

Precisamente a inicios de ano foron xulgados dous furtivos enmarcados na primeira delas e outro máis a última semana de setembro aínda que actuaba en solitario. Saldáronse con penas de prisión, aínda que inferiores a dous anos, inhabilitacións especiais ademais de sancións económicas fóra da máis recente que non contemplou cárcere.

Álvaro Lago Lusquiños, tenente do Seprona, asegura que esta actividade é aínda é máis agresiva tanto co medio ambiente como cos propios gardapescas sobre todo na zona do Barzanza con grupos organizados que poden chegar ata as 40 persoas pero en actividades de extracción ilegal doutro tipo de especies.

Aínda que as de Baiona non son as primeiras da provincia, xa que neste ámbito a pioneira foi en 2018, estas son unhas das poucas que carrexan privación de liberdade ao estimarse que existe un grave prexuízo da sustentabilidade do recurso avalado por informes periciais. “Nestes casos ademais constatamos que fomos vixiados, mesmo algúns controlaban os despegues do helicóptero para saber cando saiamos”, conclúe.