
Dende hai algo máis dun ano os científicos, e especialistas a nivel mundial, non dan explicado o singular comportamento das candorcas da poboación ibérica. Este comportamento destaca pola interacción: excesiva aproximación ás embarcacións, contactos físicos directos, movemento das súas estruturas, e en ocasións, rotura do leme.
A preocupación xerada por estas actividades dos cetáceos, tendo en conta que son unha especie protexida e que causan avarias e situacións complicadas aos navegantes levou a que un grupo de científicos, e estudosos da especie, constituíran un Grupo Internacional de seguimento destes casos: o Grupo de Traballo Orca Atlántica- GTOA. O primeiro obxectivo foi o de rexistrar todos os casos, realizar entrevistas coas tripulacións, recompilar o material gráfico e ordenar toda a información.
Como primeiro resultado desta colaboración internacional elaborouse un protocolo de actuación diante dunha interacción que non é máis que a recompilación das testemuñas que viviron estas situacións, esta recomendación foi trasladadas á entidade de salvamento marítimo para que llas remitira ás tripulacións. Un segundo resultado promovido polo GTOA foi a posta en marcha da web que recompila a información e proporciona datos das interaccións para prevención da navegación. E o terceiro pilar do GTOA é o asesoramento aos gobernos español e portugués sobre o tema.
Protocolo
Todas as medidas recollidas no protocolo foron debatidas tanto no GTOA como con expertos internacionais, concordando no fundamental. Tense comprobado que a velocidade é un dos incentivos dos cetáceos á competitividade. É por iso que o protocolo pretende reducir estímulos na presenza das candorcas para que perdan interese pola interacción. Se ben non é efectivo na totalidade dos casos, ten efecto nunha maioría das interaccións. Diante da ausencia de estímulos as candorcas interactuantes perden interese e continúan o seu camiño.
Web
A web do GTOA (https://es.orcaiberica.org/) resolve as dúbidas sobre as preguntas máis frecuentes sobre as candorcas e as interaccións, aporta información sobre a lexislación, sobre o protocolo e tamén mapas de localización das interaccións que permite oriental aos navegantes.
Asesoramento
O GTOA ofrece a información recompilada e tratada aos gobernos para que poidan tomar medidas de seguridade, ben como recomendacións, áreas preventivas de restrición á navegación e outras medidas relativas á investigación ou lexislación, que os gobernos deberán adoptar no seu momento.
Un paso máis
Se ben todo o anterior é fundamental para o coñecemento en detalle da casuística das interaccións, non é suficiente para evitar o conflito aberto entre as candorcas e a navegación a causa deste curioso e novidoso fenómeno, polo que neste momento o GTOA mantén diversas conversas con especialistas e entidades para abordas este tema dende diferentes perspectivas tendo en conta sempre a utilización de métodos non invasivos e a conservación dunha especie protexida. Nesta liña está estudar diferentes liñas de traballo con informáticos, enxeñeiros navais e outros especialistas.
Iniciativa
Logo de observar:
– a preocupación existente en diversos ámbitos, da navegación, da conservación, da seguridade marítima e mesmo a nivel social
– a limitada información dispoñible a nivel científico
– a necesidade de aplicar solucións exhaustivas, rigorosas e baseadas no método científico.
Neste contexto, estableceuse unha liña de colaboración contando con investigadores, sector náutico e I+D+i contando con CEMMA: entidade con 30 anos de experiencia no estudo dos mamíferos mariños, en representación do GTOA; a empresa MAREXI: con 15 años de experiencia en I+D+I aplicada a soluciones tecnolóxicas no ámbito marítimo; a empresa JULIO VERNE NÁUTICA: de formación, transporte e alugueiro náutico, estableceron un cronograma de traballo conxunto para o deseño e posta en marcha dun proxecto multidisciplinar e innovador.
O obxectivo é mellorar os datos relativos ás interaccións, coñecer máis en detalle aos exemplares protagonistas e o deseño e validación de ferramentas de disuasión, coa finalidade de garantir a seguridade do animal e da embarcación evitando riscos para ambas partes.
O proxecto agarda achegar financiamento para mellorar a cobertura de datos dispoñibles que axuden a averiguar a intencionalidade das candorcas nestas interaccións: desvelando quen, como, cando, onde e os motivos que levan ás candorcas ao contacto físico coas embarcacións. Así mesmo pretende estudar diversos mecanismos e ferramentas disuasorias, non invasivas, que sirvan para previr ou diminuír o efecto destas interaccións.