Baiona felicita a Manuel Loureiro tras proclamarse campión do Open de España de Enduro

FOTO: YAIZA FERNÁNDEZ PÉREZ // Manuel Loureiro no máis alto do podio.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e a concelleira de Deportes, Miriam Costas, trasladan a súa felicitación a Manuel Loureiro Giráldez despois da súa proclamación como campión do Open de España de Enduro en categoría júnior na proba que se disputou o domingo 3 de outubro en Moaña, o “Endurrazo”. O mozo de Baredo, aos seus 18 anos, impúxose en dúas das tres carreiras do campionato e colocouse no primeiro posto. Conseguiu a vitoria despois de gañar en La Adrada (Ávila) e en Moaña esta fin de semana.

“É un orgullo para Baiona, sobrepóndose a un ano moi duro de pandemia no que os adestramentos se resentiron, logre proclamarse campión de España”, declarou o alcalde, Gómez Prado, destacando que “estamos convencidos de que Manuel chegará aínda máis lonxe”, sinalou o rexedor, “porque demostrou con fartura que os límites non existen e que os obstáculos se poden superar con tesón, ilusión e deportividade”.

Precisamente, este pasado sábado 2 de outubro, Manuel Loureiro Giráldez foi un dos homenaxeados no Acto de Recoñecemento ao Mérito Deportivo 2020/2021 “Baiona co Deporte” que a Concellería de Deportes do Concello de Baiona organizou para render tributo aos deportistas locais, “nos anos máis duros para o deporte”, en palabras do alcalde. Un evento no que se recoñeceron os logros cultivados en 2020 e 2021 polos atletas locais como “un auténtico exemplo de superación e orgullo para o resto dos baioneses e baionesas”. A súa nai Cristina foi a encargada de recoller o galardón xa que Manu estaba a competir na proba na que conseguiu alzarse co primeiro premio e coroar o podio.

FOTO: YAIZA FERNÁNDEZ PÉREZ // Manuel Loureiro.