O PP de Gondomar insta ao goberno municipal a redactar o Plan Municipal ante o risco de inundacións

Este xoves o pleno da Corporación municipal de Gondomar debaterá varias mocións presentadas polos grupos da oposición ante a falta de iniciativas do goberno municipal. “Este é o segundo pleno ordinario que se celebra este ano só con propostas da oposición, o que reflicte a falta de iniciativa dun goberno municipal que destaca por gobernar por impulsos e carente de ideas que levar a pleno”, indica Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.

O Partido Popular leva a pleno seis mocións para o seu debate entre os membros da corporación. Unha das mocións insta ao goberno municipal a redactar o Plan de Actuación Municipal ante o risco de Inundacións (PAM). O Concello de Gondomar atópase con Áreas de Risco Potencial Significativo por Inundación (ARPSI) de perigosidade alta e risco medio-baixo, xa que, a pesar de atoparse en zonas cuxas características actuais non presentan especial risco, posúe una caracterización da perigosidade elevada: superficie inundada, tempo de resposta etc. Debido a isto para este Concello é obrigatorio a elaboración dun Plan de Actuación Municipal ante o risco de Inundacións.

Na mesma moción tamén se pide ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia o remate do Plan de Emerxencia de Presas polo risco de rotura da presa ao ser Gondomar o concello máis afectado en caso de sinistro no encoro de Zamáns. “Nestes intres o Concello de Vigo non dispón do PEP da presa de Zamáns aprobado, toda vez que Augas de Galicia xa leva requirido modificacións do documento presentado ata en cinco ocasións. Por este motivo a poboación de Gondomar non é consciente da perigosidade que supón unha eventual rotura da presa, nin das graves consecuencias que pode traer”.

Noutra moción o Partido Popular solicita do alcalde a restitución das placas de inauguración que se retiraron do Punto Limpo, o Centro de Saúde antigo e a Casa da Cultura, así como a conservación da placa dedicada ás Nais da Praza de Maio nas obras que se van acometer na Praza Rosalía de Castro.

O apoio á Plataforma Creer en Nosotros, a cobertura de persoal médico na Atención Primaria, a protección do lobo, e a comparecencia do Alcalde para explicar a situación do Polígono de A Pasaxe son as outras mocións que o Partido Popular de Gondomar leva ao pleno deste xoves.