O único Servizo Técnico Oficial de legalización de reformas e homologación de vehículos de Galicia está en Nigrán

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe a aposta de CIMALab pola innovación e o talento, o que lle supón unha vantaxe competitiva posto que é o único Servicio Técnico Oficial de legalización de reformas e homologación de vehículos en Galicia designado, tamén, como Servizo Técnico Europeo.

Conde, acompañado polo alcalde de Nigrán, Juan González, visitou as novas instalacións deste centro en Porto do Molle, onde inaugurou unha planta que multiplica por catro o espazo do que antes dispoñía e na que alberga unha catapulta inversa que é a segunda máis grande de Europa para facer probas de choque de vehículos incluso de gran tamaño, como os furgóns das ambulancias.

O vicepresidente económico destacou que, a diferenza do resto dos servizos técnicos españois, contar cun equipo de profesionais especializado permítelle deseñar, construír, poñer en funcionamento e homologar pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) múltiples máquinas de ensaio que, doutro modo, serían inasumibles de adquirir polo seu alto valor económico no mercado.

Segundo dixo, CIMALab é un elemento básico na cadea de valor do sector galego da automoción por canto achega a nivel de I+D+i. E, precisamente, engadiu, o que o contexto actual demanda desta industria é que exhiba e dea impulso a todo o seu potencial innovador para dar resposta aos retos da mobilidade do futuro: a sustentabilidade, a dixitalización, a seguridade e a renovación do parque móbil para cumprir cos obxectivos de descarbonización.