Anuncios
Ticker de novas

O PP lamenta que a falta de entendemento dos socios de goberno prive aos veciños do PXOM

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Paula Bouzós.

O Partido Popular de Gondomar pídelle ao goberno municipal, e en especial ao alcalde Paco Ferreira e o concelleiro de Urbanismo Antonio Araújo, que se deixen de liortas internas e que dunha vez por todas se poñan a traballar polo ben dos veciños, seguindo coa tramitación do tan demandado e necesario Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Paula Bouzós lles recorda que foi culpa deles que o PXOM non estivese aprobado nestes intres. En setembro de 2014 o anterior goberno do popular Fernando Guitián levou a pleno a aprobación inicial do Plan Xeral, e os que agora forman goberno votaron en contra. Mais tarde e xa en marzo do ano 2015 nun pleno extraordinario se aproba expoñelo ao público por un período de tres meses, ao fin de que os veciños, e todas as entidades veciñais o coñeceran e puideran facer achegas. Se expón ao público, e namentres hai eleccións e chega o novo goberno tripartito (PSOE, Manifesto Miñor e CABE). Este novo goberno propón en xullo de 2015 ampliar a exposición en dous meses máis.

O tempo seguiu pasando e o 19 de marzo do ano 2016 entra en vigor a Lei do Solo de Galicia, o que fai que se teña que modificar o borrador para adaptalo á nova lei. Dende esa non se sabe nada máis do PXOM, ata que en setembro do 2016 o goberno bipartito volve a anunciar outra exposición pública por un tempo de dous meses, sen que houbese ningún consenso político co resto da corporación municipal. Así mesmo, o alcalde, Paco Ferreira, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Araújo, comezan unha rolda de visitas polas parroquias para falar do borrador do Plan Xeral, sen ningún técnico que puidese resolver as dúbidas dos veciños.

Non se volve a ter máis noticias do PXOM ata setembro de 2017, cando a empresa redactora Eptisa, que fora absorbida por unha multinacional chinesa meses atrás, anuncia que deixa varios plans xerais en elaboración, entre eles o de Gondomar. Nestes intres non temos empresa redactora ao negarse Paco Ferreira a asinar a cesión do contrato a outra empresa para poder continuar coa redacción do Plan Xeral.

Está en risco a subvención de 240.000 €.

“No ano 2008 a Xunta de Galicia lle concedera a Gondomar unha subvención de 240.000 € para a redacción do Plan Xeral, concedendo dende aquela varias prórrogas do mesmo. Senón se continúa coa tramitación se podería perder a axuda, e se isto se producise sería moi gravoso para a economía do concello. O goberno municipal ten que darlle unha solución definitiva a este asunto” afirma a presidenta do PP gondomareño.

“Non é de recibo que Paco Ferreira e Antonio Araújo, non se senten a falar entre eles cando forman parte do mesmo goberno municipal e o fagan a través da prensa e das redes sociais, culpándose un ao outro do mal que o están facendo, en lugar de resolver os problemas dos veciños”, explica Paula Bouzós.

“O PXOM debería ser un tema primordial para este goberno bipartito, como o foi para o anterior goberno do Partido Popular, que foi quen de levalo ao pleno para a súa aprobación inicial. A pesar de ser votado en contra polos demais partidos, non escatimou esforzos e a finais da lexislatura o deixou exposto ao publico, tal e como o pediran os demais partidos nun pleno. Non se pode decidir o planeamento urbanístico de Gondomar a base de aprobacións parciais por núcleos de poboación, todos os gondomareños deben ser iguais, independentemente do núcleo de poboación no que vivan. Este goberno sempre se caracterizou por actuar cando está obrigado a facelo, e proba disto é a aprobación da delimitación dalgúns núcleos rurais para evitar a actuación da APLU, cousa que se tería evitado si estivese aprobado o Plan Xeral. Cantas licencias de obra maior se deron nesta lexislatura?”, pregúntase a popular.

“Nin Paco Ferreira nin Antonio Araújo demostran interese algún en querer aprobar o Plan Xeral, ata tal punto, que non se poñen de acordo á hora de decidir si facer a cesión do contrato que había con Eptisa ou facer unha nova contratación”. Paula Bouzós pídelle aos dous partidos do goberno (PSOE e Manifesto Miñor) que deixen a un lado as súas disputas internas e que por unha vez pensen no ben común, os veciños de Gondomar sairían beneficiados. “Si o que queren é un bo Plan Xeral en beneficio de todos, atoparán o apoio do Partido Popular de Gondomar”.

Anuncios