Máis de 30 voluntarios recollen 300 quilos de residuos na Praia de Patos

Vive Sostible celebrou esta fin de semana a súa terceira e última xornada de recollida de residuos na Praia da Cansadoura, en Patos, na que máis de 30 voluntarios lograron retirar uns 300 quilos de lixo do areal. A terceira xornada de limpeza deste ano organizouse en colaboración con GALP7, o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda, unha entidade colaboradora da Consellería do Mar para a xestión de axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e o Concello de Nigrán. Tras case dúas horas, retiráronse da praia uns 300 quilos de lixo, entre os que había envases de bebidas, restos de redes, plásticos e curiosidades como unhas lentes graduadas. Tras a recollida, Alfredo López, membro da Xunta Directiva do GALP Ría de Vigo – A Guarda e coordinador de CEMMA deu unha pequena charla aos asistentes sobre a necesidade de protexer e coidar a contorna mariña. Os voluntarios tiveron ademais a oportunidade de participar no simulacro de rescate dun golfiño varado na praia.

Con esta xornada terminan as actividades programadas para este ano de Vive Nigrán dentro da iniciativa Vive Sostible. Desde o seu inicio, a organización do festival tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o evento, con diferentes accións englobadas en Vive Sostible.

Así, a quinta edición do festival, seguindo diversos obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, impulsou diversas accións de concienciación e coidado ambiental durante estes meses, como as tres xornadas programadas de recollidas de residuos mariños en praias de Nigrán, en colaboración co Concello de Nigrán, e onde participaron preto dun centenar de voluntarios, o uso de vasos biodegradables e a instalación dun xerador fotovoltaico durante os días do festival.

Ademais, desde o mes de setembro, BALMI o cachalote de Vive Nigrán loce en Praia América como símbolo do compromiso do festival coa contorna e a sustentabilidade. A instalación deste bebé cachalote é a acción máis destacada dentro da iniciativa Vive Sostible. Esta peculiar escultura foi realizada polo equipo artístico Retoque Retro, asociación sen ánimo de lucro na defensa da arte e do Medio Ambiente que presta especial atención ao medio mariño. A escultura pesa máis de 400 quilos, ten 5,60 metros de longo e 1,70 metros de alto, a escala real das crías de cachalotes e está realizada cuns 200 quilos de residuos plásticos de orixe mariña recollidos na costa galega. Esta escultura é tamén unha homenaxe ás baleas e a todos os mamíferos mariños que xogan un papel no mantemento dos ecosistemas e do clima e están a desaparecer a pasos axigantados dos océanos, enfrontados á ameaza constante da inxesta de plásticos e os enredamentos con redes pantasma.

O festival sumouse ao Pacto Cultura Sustentable para reforzar o seu compromiso por ofrecer un evento máis respectuoso co medio ambiente e mantén o seu compromiso coa contorna e a sustentabilidade, reforzando a súa especial vinculación co Concello de Nigrán e resaltando a importancia da música e a cultura como elementos vertebradores e enriquecedores do territorio.