O Okofen inaugura a Liga de Outono Aedas Homes de J80 cun triplete na primeira xornada

O Monte Real Club de Yates de Baiona puxo en marcha este sábado un dos seus eventos estrela, a Liga de Outono Aedas Homes de J80 con éxito de convocatoria, 17 unidades na auga nunha xornada na que predominou o vento intenso e a mar brava que fixeron, deste primeiro día na Baía de Baiona, un día épico no deportivo.

Actividade incesante no Club de Iates, cunha primeira cita a media mañá onde os medios de comunicación daban cobertura á posta de longo da Liga de Outono, presentada en rolda de prensa para dar a benvida ao novo patrocinador que se suma aos valores de calidade e excelencia do Monte Real, coa chegada da promotora Aedas Homes.

A este primeiro encontro acudía Higinio Fernández, Director Territorial de Aedas Homes, presentado polo Comodoro do club, Ignacio Sánchez Otaequi, nunha mesa na que tamén estaban o Deputado Provincial de Deportes, Gorka Gómez, e o Tenente de Alcalde de Baiona, Óscar Martínez.

“Gustaríame dar a benvida a Aedas Homes como novo patrocinador deste club, explicando que o paso máis difícil xa o demos, que era chegar ata aquí. Agora coidaremos moito deles porque queremos que queden moito tempo”, comentaba Sánchez Otaegui.

“Para nós é unha honra poder colaborar co Monte Real Club de Yates de Baiona e un verdadeiro pracer patrocinar esta Liga de Outono de J80, porque para Aedas Homes, todo o que ten que ver co deporte é moi importante xa que nos identificamos cos valores que infunden: o traballo en equipo, a constancia ou o xogo limpo entre moitos outros, como promotora residencial pura que somos”, explicaba con detalle Fernández.

“Quixera felicitar a Aedas Homes e a Higinio en particular por apoiar este evento que é a base fundamental para que se poida desenvolver o deporte dunha maneira viable”, dicía Martínez.

“Estamos de parabén porque todo o que organiza o Monte Real é un éxito e grazas ao patrocinio de Aedas Homes fai que todo sexa posible, xa que sen o voso apoio o deporte non sería posible”, matizaba Gómez.

Feitas as presentacións e tras a reunión mantida polos patróns e dirección técnica do Club de Iates, os monotipos facíanse á mar para navegar ata as inmediacións do Cabezo de San Juan.

Próximo a este faro da Baía de Baiona atopábase fondeado o barco do Comité da regata, esperando a chegada dos veleiros para iniciar, con puntualidade, a primeira das tres probas programadas para este primeiro día da Liga de Outono Aedas Homes de J80.

Vento do suroeste, que sopraba con intensidade inxectando ás tres da tarde 12 nós de intensidade estables, con refachos que chegaban a alcanzar os 22 e 23 nós nalgúns momentos.

O gran protagonista da xornada foi o veleiro de Javier de la Gándara, o Okofen, que asinou tres primeiros postos neste arranque ligueiro. A experiencia do voltamundista e actitude tranquila e pausada en condicións duras de navegación, recibiron a súa xusta recompensa con estes tres primeiros cetros dourados individuais.

Pero á zaga non estivo desatinado a posto prata no comezo da competición, cun Marías que selou un terceiro e dous segundos postos. O barco luso, patroneado por Manel Cunha, convértese noutro dos aspirantes para levar a liga.

A terceira praza foi para un Cansino que obtivo resultados individuais dentro do Top 5, cun 4-3-5, un valor engadido para a súa patroa, Alejandra Suárez, tendo en conta o elevado número de barcos na auga.

A próxima cita celebrarase o 23 de outubro, con bocinazo de saída ás 15:00 horas, que será a segunda das cinco programadas ata o 18 de decembro.