Manifesto Miñor denuncia que o GES estará sen servizo esta fin de semana por falta de persoal

“Hoxe mesmo acabamos de saber que esta fin de semana o GES do Val Miñor estará pechado por falta de persoal. A día de hoxe hai 3 baixas sen cubrir e non existe bolsa de traballo da que tirar (nin está convocada a creación dunha), tendo que facer quendas de 24 horas cunha soa persoa etc, simplemente inhumano”, denuncia Antonio Araújo, portavoz de Manifesto Miñor.

“Cando D. Paco Ferreira deixaba fóra do Pleno da Mancomunidade a Manifesto Miñor sabía moi ben o que facía: estaba eliminando do organismo máis importante da comarca ás persoas que apostamos por encher de contido a Mancomunidade, e de paso eliminar tamén todo tipo de crítica e por suposto de iniciativas nesa dirección”, engade Araújo.

Para Manifesto Miñor, os servizos que o GES lle presta á comarca son impagables e moitas veces con actuacións heroicas, tanto polo que arriscan, como polo traballo que fan con tan poucos medios humanos. “O GES do Val Miñor sempre é o primeiro en chegar a apagar un lume (por coñecer o territorio) cousa que é fundamental, pero, o abano de servizos prestados e actuacións non se limita a lumes”, destaca o concelleiro de Gondomar.

No ano 2020 o GES do Val Miñor tivo máis de 2700 intervencións, que foron dende apagar lumes até retirar serpes das casas dos veciños, pasando por excarceracións de accidentados nas estradas da comarca, retirada de árbores caídas polos temporais, atención ás riadas, rescate de mariscadores das rochas, botar sal nas estradas conxeladas, recollidas solidarias de alimentos… ou mesmo facendo pedagoxía entre os máis novos e veciñanza en xeral.

“Por iso dende Manifesto Miñor levamos reclamando dende sempre a potenciación e reforzo deste servizo básico mentres non se cre un verdadeiro Parque de Bombeiros para unha comarca con máis de 50 mil habitantes fixos que se duplican no verán, con dous polígonos industriais”, recorda Araújo, que responsabiliza ao actual presidente da Mancomunidade, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, “do que poida pasar, quedando a veciñanza do Val de Miñor en mans da sorte, e confiar que non pase nada”.