“Cando veño de visita síntome unha baionesa máis”

Podería dicirse que a relación que garda Marie Savariau con Baiona é propia dun amor a primeira vista, que naceu coa firma oficial do irmandamento establecido entre a vila e a localidade francesa de Pornic en 1997. Hoxe venres ás 18:00 horas recibirá o recoñecemento de Filla Adoptiva de Baiona de mans do alcalde Carlos Gómez nun acto que terá lugar nos xardíns da biblioteca municipal Sancti Spiritus acompañada de preto de 30 familiares.

Encántalle a Festa da Arribada, unha celebración á que lle colleu o gustiño cando viña como tradutora da primeira tenente alcalde Catherine Pasquier. Agora non se perde ningunha edición. A pesar de que bota de menos a existencia dunha asociación permanente que manteña vivos os lazos entre a localidade da Bretaña francesa e a vila mariñeira, a través da Asociación de Irmandamento de Pornic, da que Savariau forma parte en concreto da comisión de España, organizou viaxes desde o outro lado dos Pireneos, tamén xestionou xornadas para dar a coñecer o noso folclore que segundo asegura “ten similitudes co da Bretaña” nunha celebración denominada “Le Pardon de Labaule”, ademais de intercambios coma se dunha embaixadora se tratase. A estas festas acudiu en varias ocasións o Grupo de Ballet Folclórico Galego, dirixido polo miñorano Eduardo Alves Dacosta con 44 compoñentes sempre hospedándose no seu domicilio.

Como as mellores historias, a de Savariau naceu de casualidade cando por primeira vez acudiu coa comitiva francesa para selar o pacto, estando por aquel entón Manolo Vilar como alcalde, e quedou encandeada deste enclave. Hoxe en día acode regularmente unha media de tres ou catro veces por ano e mantén o vínculo selado fai un cuarto de século entre os dous municipios. Con todo e segundo relatou a este diario, os verdadeiros culpables desta ligazón que en breve cumprirá as súas vodas de prata foron un matrimonio francés, Marie Pierre e Jean Claude, que estaban de viaxe por Portugal. “Para nós son como o noso Cristóbal Colón”, relata entre risas. De regreso ao seu país natal deron con Baiona e automaticamente buscaron a Vilar para propoñerlle o irmandamento que non dubidou en aceptar. A partir de aquí, en 1996, comezaron os trámites, e en marzo de 1997 a comitiva francesa, entre a que se atopaba Savariau, visitaron a vila para rubricar a unión entre pobos e presenciar a primeira das moitas Arribadas ás que a premiada segue acudindo regularmente.