Gondomar clausura a segunda edición do obradoiro “Crea e Coida Miñor”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola secretaria territorial da delegación da Xunta en Vigo, Ana Ruiz, e o rexedor de Nigrán, Juan González, despediron esta mañá aos participantes do obradoiro “Crea e Coida Miñor II”, tras nove meses de formación e prácticas nos tres concellos da comarca do Val Miñor.

O rexedor gondomareño agradeceu unha vez máis a colaboración do goberno galego nunha materia tan sensible como é a política de emprego e subliñou que “é preciso que as administracións xuntemos forzas e traballemos en obxectivos comúns para todos, como é a creación de emprego, favorecer a inserción laboral dos nosos veciños en paro”.

Destacou o bo resultado destes obradoiros duais que facilitan durante o tempo da formación un contrato laboral aos participantes, e que “unha vez máis queda plasmado con feitos, con contratos asinados polos alumnos ou alumnas do obradoiro que lles permite acceder ao rematar ao mercado laboral”.

Pola súa banda a secretaria territorial, Ana Ruiz, agradeceu a labor do equipo docente e a implicación dos concellos en levar adiante estes obradoiros. Aos e ás participantes “agradezo o esforzo realizado e o interese por dotarse das ferramentas precisas para desenvolver un bo traballo, que en moitos casos xa o tedes, e noutros chegará”.

“Crea e Coida Miñor II” foi financiado pola Xunta con 350.000 euros e unha achega de algo máis de 3.000 euros por Baiona, Gondomar e Nigrán, respectivamente. Os dous obradoiros desenvoltos en Gondomar, cun máximo de 10 alumnos/as en cada un, facilitaron aos participantes un contrato de traballo no concello co salario mínimo interprofesional durante os 9 meses de duración da formación, eminentemente práctica en ambas as dúas especialidades ofertadas.

Ademais da materia específica relacionada coa atención sociosanitaria e o deseño de produtos gráficos, obxecto de ambos os dous obradoiros, os alumnos-traballadores recibiron formación complementaria en cuestións craves para a procura de emprego e acceso ao mercado laboral como son a prevención de riscos laborais, alfabetización informática, igualdade, manipulación de alimentos ou autoemprego.