Un total de 40 voluntarios participaron este domingo en Gondomar na XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos Ríos”, incluída no “Proxecto Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega. Trátase dun programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, mostrar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
O Concello de Gondomar uniuse un ano máis para retirar nesta ocasión un total de 1.500 quilos de residuos das ribeiras e do leito do río Miñor e a desembocadura do Zamáns, con punto de encontro ás 10:00 da mañá na Ponte das Ánimas. Os voluntarios e voluntarias recibiron máscaras, unha camiseta conmemorativa do evento, bolsas e luvas, así como unha pequena merenda, ofrecida polo Concello, ao final da actividade.
Desde a Concellería de Medio Ambiente sublíñase a importancia destas accións como un elemento fundamental para a educación e sensibilización ambiental dos cidadáns. “A pesar dos avances logrados nos últimos anos e a mellora da calidade dos nosos ríos, queda moito traballo que facer”, afirma o edil Brais Misa, quen lembra que nese camiño continuará actuando o goberno local.


