Un “man a man” poético entre Feliciano Rolán e Rosalía pon o punto final ao “Volanteiro no Camiño”

O “Volanteiro no Camiño”, a iniciativa coa que a Asociación Piueiro rendeu a súa particular homenaxe aos roteiros xacobeos polo mar, concretamente o Camiño Portugués pola costa, terá o seu broche de ouro este mércores, 29 de setembro, cun recital poético “ man a man” entre dous autores moi vinculados á asociación: Feliciano Rolán e Rosalía de Castro. O primeiro, pola súa especial relación co pobo guardés e a segunda porque é precisamente a súa imaxe e a súa frase “Eu son libre” as que aparecen na vela do volanterio reconstruído pola asociación.

O recital poético, que terá lugar na sede da Organización de Armadores da Guarda (Manuel Ávarez, 16), contará coa participación da presidenta da Asociación Cultural Guardesa, Julia Sobrino, e un membro da directiva, o poeta Chuny Vázquez, que recitarán varios poemas de Feliciano Rolán (Vigo, 1907), autor dos poemarios “Huellas” e “De mar a mar”, este ultimo editado polos seus amigos e seleccionado por Juan Ramón Jiménez. O autor agora recuperado foi profesor de Dereito na Facultade de Santiago de Compostela e “brillante literato e poeta”. Rolán morreu aos 27 anos de idade.

Pola súa banda, as xornalistas Jéssica Pintor e María Jesús Argibay finalizarán o evento coa lectura de “ Lieders”, o artigo escrito por Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837) e publicado por primeira vez en 1858 que está considerado o primeiro manifesto femenista publicado en Galicia.

O presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, Joaquín Cadilla, será o encargado de explicar a especial relación de ambos poetas coa Guarda e o mar, así como os obxectivos de Piueiro coa posta en marcha da iniciativa “ Volanteiro non Camiño”, que contou co financiamento da Xunta de Galicia, a través do programa O Teu Xacobeo.

As travesías do Volanteiro no Camiño

As travesías que se realizaron ao longo do verán permitiron aos viaxeiros descubrir a navegación a bordo dun barco tradicional e coñecer a cultura mariñeira transmitida pola propia embarcación e polos seus tripulantes, en parte mariñeiros xubilados do porto da Guarda. Todos eles recibiron previamente a formación necesaria en Interpretación do Patrimonio para ofrecer aos participantes unha información completa sobre os roteiros.

Neste sentido, un elemento fundamental do proxecto foi un mapa que recibiron todos os viaxeiros e que lles achegaba unha visión do Camiño Portugués pola Costa desde o mar, destacando bens patrimoniais e naturais como o Monte Santa Trega, o espazo Natural Esteiro do Miño (Rede Natura 2000), o Mosteiro de Oia, os petróglifos Auga dos Cebros (embarcación fenicia), a Fortaleza Monterreal, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o Monte do Castro, o Centro de Interpretación da Batalla de Rande ou a Illa de San Simón.

O recital poético “Man a Man. Feliciano Rolán/Rosalía de Castro” que terá lugar este mércores ás 19:00 horas está aberto ao público ata completar o aforo permitido pola normativa sanitaria.