O gondomareño Ricardo Buba coróase campión galego júnior de contrarreloxo

Se a fin de semana resultou memorable para a escuadra elite-sub23 do Vigo-Rías Baixas, o equipo júnior tamén fixo historia para a entidade flúor. Ricardo Buba adxudicouse o Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual (CRI) na localidade ourensá de Baños de Molgas. Unha vitoria que supón o primeiro título autonómico desde a súa creación para o conxunto xuvenil da estrutura presidida por José Luis Chamorro.

Corredor de primeiro ano na categoría, o gondomareño completou o percorrido de 19 quilómetros cun tempo de 28:21, impoñéndose por 2 segundos a Martín Rey (Emico-Ermi Bembibre). Terceiro, a 27» de Buba, clasificouse Sergio Lorenzo (Cidade de Lugo). O Vigo-Rías Baixas tamén contou dentro do top-10 júnior con Gonzalo Gallego, sétimo, mentres que Javier Sanz terminou undécimo, Iker Otero obtivo a 18ª posición e Andrés Valverde, a 24ª.

Por outra banda, a actuación da formación olívica na categoría sub23 saldouse coa quinta posición de Ángel Maneiro, a sexta de Andrés Taboada e a undécima de Jorge Fernández.