Tres patinadores do CPA Gondomar clasifícanse para o Campionato de España

O Pavillón Municipal de Gondomar Bernabé Costas de Miranda albergou este sábado o Campionato Galego de Patinaxe Artística das categorías benxamín a infantil, organizado polo Club Patinaxe Artística Gondomar e a Federación Galega de Patinaxe Artística. A competición comezou ás dez da mañá finalizando a última hora da tarde coa entrega de trofeos a cargo do alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro.

O club gondomareño tivo a súa representación en diferentes categorías conseguindo catro podios e tres clasificados para o Campionato de España de Patinaxe Artística. Carla Gilsanz, Rodrigo Costas, Xiana Fernández e Lola Álvarez subiron ao podio clasificándose os tres primeiros para o Campionato de España do próximo mes de outubro en Cataluña.

As novas patinadoras saíron a pista con gran entrega que demostraron nos seus programas curto e longo. Os duros adestramentos, enerxía e tesón que caracteriza aos integrantes deste club levounos a clasificarse patinando en “casa”, onde se atoparon apoiados e dirixidos polo seu gran equipo técnico, David Figueroa e María Nombela.