Barrio e Sarmiento non defraudan en Baiona e levan a novena proba do Inclusivo Fibralar de Motonáutica

Baiona acolleu a 9º proba do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica, penúltima cita no calendario de competición da Real Federación Galega da modalidade, con éxito de convocatoria, ao participar nas augas da enseada ata unha decena de pilotos chegados desde distintos recunchos da comunidade.

Tal e como era previsible, Pepe Barrio e Pilar Sarmiento non defraudaron, facéndose co triunfo da cita do Val Miñor. Os noieses seguen vivindo un gran momento e, practicamente, pódeselles considerar campións galegos de categoría, a falta dunha última cita que está programada nas augas que bañan a cidade de Tui, o próximo 2 de outubro.

A sorpresa da xornada protagonizouna o piloto tomiñés Marcos Casaleiro, que coa axuda de Pilar Sarmiento como copiloto, logrou a segunda praza en Baiona, a tan só un punto sobre os titulares desta novena proba.

Terceiros foron o combinado A Golada/Noia, un tándem formado por Alejandro Ferradás e Joaquín Barrio, que finalizaron a proba con 245 puntos no seu haber.

Os vigueses José Luis Álvarez e Oswaldo Davila foron, finalmente, cuartos, cultivando unha puntuación de 249 puntos. Faltoulle hoxe en Baiona a pericia que demostraron ter noutros dos encontros aos que estiveron a un gran nivel.

Celebrada a competición na lámina de auga lindeira coa punta do peirao de pasaxe de Baiona, grazas á colaboración de Portos de Galicia e Protección Civil, o trazado consistiu nun percorrido tipo slalom, cun tempo medio a cumprir ao que había que sumarlle as probas de pericia que definen as habilidades dos pilotos e copilotos, como o cubo/pelota, fondeo ou recollida de home á auga, etc.

A entrega de premios celebrouse na propia dársena, un acto ao que acudiron o Tenente de Alcalde de Baiona, Óscar Martínez; a concelleira de deportes, Miriam Costas; e o membro da Xunta Directiva da Real Federación Galega de Motonáutica, Francisco Pereira.