O ciclo da Xunta “O País das Bandas” ofrece catro concertos no Val Miñor e no Baixo Miño esta fin de semana

Banda de Música Belas Artes de Cangas.

Os concellos de Tui, O Rosal, Baiona e Gondomar acollen esta fin de semana senllos concertos do ciclo “O País das Bandas”, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. As actuacións serán a cargo da Banda de Música de Salvaterra, da Agrupación Musical de Vincios, da Unión Musical de Coruxo e da Banda de Música Belas Artes de Cangas.

Así, o sábado ás 19:00 horas, o Paseo da Corredoira de Tui converterase en escenario para a Banda de Música de Salvaterra, que interpretará Agárrate saxo, Suitte galaica, Semente dun home sabio, Bodas de Luís Alonso, God save the Queen e Fiesta de las trompetas. Completan o programa Deep Purple Medley, Cumbanchero, Que rico el mambo, Mozos do penedo, Ponteareas e Martinica. Presentada en 2007, a agrupación suma unha media de 55 músicos e está dirixida por Daniel Gregores Muñoz.

Pola súa banda, a Agrupación Musical de Vincios actuará ás 21:00 horas na Praza do Calvario, no Rosal. A fundación da Asociación Agrupación Musical de Vincios en 1982 fai realidade o proxecto desta banda de música, dirixida na actualidade por Adrián Viñas Alonso. O repertorio previsto para o sábado é Soñar en Xirimbao, Atlantis, Fate of the gods, Invicta e A mi banda. Soarán tamén Abba mía, Mi gran noche, Campo de Noia e Mozos do Penedo.

Concertos en Gondomar e Baiona

Xa o domingo, a Praza do Concello de Gondomar acollerá ás 12:00 horas a sesión protagonizada pola Unión Musical de Coruxo. Fundada en 1880, esta formación é a decana das bandas de música de Vigo e unha das máis antigas de Galicia. Desaparecida en 1972, rexurdiu apenas dez anos máis tarde. Na actualidade está dirixida por Francisco Javier Quintas Alonso.

As pezas que interpretarán son Enrique López, Airiños aires, Feiticeira, Muiñeira dos pendellos e Amparito Roca. Abba gold, Medley boleros, Moment for Morricone, Orpheus in the underworld e Forever UMC completan o repertorio.

Finalmente, nesta mesma xornada ás 13:30 horas será a quenda da Banda de Música Belas Artes de Cangas, cun concerto na Praza de Santa Liberata, en Baiona. Baixo a batuta de Humberto Carballo Martínez, o programa é Rúa da fonte, Pilatus: Montain of dragons e Muiñeira dos clarinetes. Soarán tamén Oblivion, Suite galaica, A tribute to Amy Winehouse, Pasodobre popular, Don Pajarita, O gordo da rotonda e Que rico el mambo!

A existencia dunha formación musical canguesa pasa diversas etapas desde 1926, cando xorde a Banda de Música de Cangas, ata os anos 80, nos que comeza a moderna traxectoria da agrupación da man do mestre Inocentes Camaño coa colaboración de Jesús Cordeiro. En 1985 fúndase a Asociación Cultural Belas Artes e en 2019 a banda recupera a súa escola de música co obxectivo de formar novos compoñentes que garantan o seu futuro.

O País das Bandas arrancou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 30 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.