
A Vila de Baiona acolle esta sábado 25 de setembro a 9ª proba do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica, penúltima cita no amplo calendario da Real Federación Galega de Motonáutica, antes do seu punto e final, o 2 de outubro nas augas do Miño que bañan a cidade de Tui.
Á cita co Val Miñor arriban como claros favoritos os noieses Pepe Barrio e Pilar Sarmiento que, a bo seguro, non baixarán a garda sabedores que de Baiona pódense marchar co título practicamente asegurado. Non en balde regularizaron hai xa algunhas semanas o seu status de líderes invictos, tan só seguidos no bo ritmo dos seus resultados parciais polos vigueses Jose Luis Álvarez e Oswaldo Davila.
A terceira praza provisional na listaxe xeral de pilotos ocúpana os sadenses Carlos Facal e Almudena Fagil, un dos tándem revelación da tempada e que están a actuar a un gran nivel.
De todos os xeitos, esta clasificación provisional podería dar un envorco no último encontro tudense, ao poder descartar os equipos o seu peor resultado cando xa consolidasen as 10 probas das que se compón o Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica.