Última semana para participar na II edición do Concurso de Relato Curto “O Enxeño Engaiolado”

A II edición do Concurso de Relato Curto “O Enxeño Engaiolado”, organizado pola Concellería de Cultura e o Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal de Baiona e que este ano introduce como novidade a categoría de conto infantil, mantén aberto o prazo ata o próximo 30 de setembro.

Na categoría de relato curto, o certame está aberto á participación de todas as persoas maiores de 16 anos que deberán presentar un relato breve cunha extensión comprendida entre 1.500 e 4.500 palabras. En canto á de conto infantil, poderán participar as persoas de entre 12 e 16 anos, que deberán presentar unha historia cunha extensión mínima de dous folios e máxima de catro.

Os participantes de ambas as dúas categorías deberán realizar os escritos a dobre espazo en Arial de 12 puntos. Os orixinais, que deberán ser inéditos, poden estar escritos en galego ou castelán. Os orixinais enviaranse por correo electrónico á dirección biblioteca@baiona.org en formato PDF e asinados cun pseudónimo. Nun correo aparte co mesmo pseudónimo, enviarase outro arquivo cos datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, DNI e teléfono).

O xurado, composto por especialistas no ámbito bibliotecario e literario, concederá aos gañadores na categoría de relato curto tres premios consistentes en cheques-librería trocables en librerías de Baiona ata o 31 de decembro de 2021. O primeiro premio consistirá nun vale de 300 €; o segundo premio, 200 € e, finalmente, o terceiro premio, 100 €. En canto á categoría de conto infantil, entregarase un único premio de 100 €.

As obras gañadoras publicaranse na páxina web do Concello de Baiona: http://www.baiona.gal.