Podemos culmina a recollida de firmas coa reclamación ante a Consellería de Sanidade

A campaña de recollida de firmas iniciada polos Círculos de Podemos do Val Miñor e Rebeldía Galicia, remata coa entrega mediante rexistro dun escrito con carácter de reclamación xunto ás firmas recadadas durante as últimas dúas semanas.

A compoñente do Consello Coordinador Provincial, Lucía Chamorro, expón que “o motivo que nos leva a deixar constancia e impulsar esta recollida de firmas é a vulneración sistemática dos dereitos das persoas usuarias do servizo de atención primaria dos nosos concellos, o que está empeorando visiblemente a calidade de vida da veciñanza”.

Así mesmo, Antía Fernández, representante de Rebeldía Galicia, expón que “os recortes e mala planificación para dotar a atención primaria de recursos, persoais e materiais, traduciuse nun deterioro das condicións laborais do persoal sanitario”.

No escrito entregado solicitan o incremento do persoal sanitario e administrativo; a substitución inmediata de baixas, xubilacións e vacacións; a volta das citas presenciais na súa totalidade; e a dotación de recursos materiais.

Agardan que a Consellería de Sanidade tome en conta o malestar xeral da cidadanía e cumpra coas peticións que se demandan no escrito.