A Biblioteca de Baiona ofrece catro contacontos

A Concellería de Cultura de Baiona, a través do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, ofrece catro contacontos infantís a través do programa de dinamización da lectura “Ler conta Moito”.

Así, o primeiro deles terá lugar o mércores 29 de setembro, ás 18:00 horas, e será “Levántate Xan” por Caxoto. Unha viaxe chea de contos, cantigas e xogos no que os bebés se deixarán levar polo ritmo das palabras e o sabor da música en directo. Un espectáculo que terá unha duración estimada de 30 minutos.

O 6 de outubro, tamén ás 18:00 horas, o Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal acollerá outro contacontos para bebés pero está vez a cargo de Pablo Díaz. Contos fáciles de entender para o público máis miúdo da casa, música e xogo. Con este guión gozarán os peques e pais. Nesta proposta farase unha viaxe a través de temas e rutinas convertidas en arte mediante o fío condutor da música.

O 13 outubro á mesma hora no mesmo escenario ofrecerase unha nova sesión de contacontos na que o dúo Pavís Pavós relatará aos pequenos e pequenas unha historia.

Estas tres actividades ideáronse para bebés de 0-3 anos polo que deberán ir acompañados por unha persoa adulta.

O programa finaliza o 18 de outubro ás 18:00 horas con “Aprende a contar contos” pola Escola das Utopías. Unha actividade pensada para maiores de 14 anos. Un obradoiro de técnicas básicas de narración oral.

Por cuestións de seguridade sanitaria, é imprescindible a inscrición previa para cada un deles no Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona ou no 986 35 59 43.

Horario de inverno

O Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona retomou o horario de inverno de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os sábados o servizo estará aberto de 9:30 a 13:30 horas, con acceso libre á colección. Tras o período de citas previas xa desde o mes de xullo a colección está aberta a todos as persoas usuarias do servizo podendo estas escoller libremente nos andeis en sala.