Lidl abrirá a súa nova tenda de Porto do Molle o próximo 30 de setembro

O próximo xoves día 30 de setembro ás 9:00 da mañá abrirá as súas portas a tenda de Lidl na rúa As Pontes de Nigrán en Porto do Molle, xunto ao Centro de Negocios e a gasolineira, o que supón a primeira incursión da cadea na comarca do Val Miñor. Este establecemento, no que traballarán unha vintena de persoas, dará resposta á demanda de localidades como Baiona ou Gondomar, ademais do propio Concello de Nigrán.

A nova tenda sitúase nunha parcela de 4.790 metros cadrados, dos que a superficie de vendas ocupará uns 1.400 metros cadrados, con dúas plantas e unha altura total de sete metros. En total, a cadea mobilizou unha inversión de 4,7 millóns de euros para a construción e o equipamento, actuacións que adxudicaron a empresas galegas como a construtora pontevedresa CHS ou a enxeñaría coruñesa COTECNO.

Neste sentido, a firma continúa a súa estratexia habitual tanto de apoio a provedores de proximidade como de compromiso medioambiental, xa que este punto de venda contará con plataforma fotovoltaica e iluminación LED, o que a converterá nunha tenda ecosostible grazas tamén aos paneis solares instalados ao longo dunha extensión de 1.000 metros cadrados.

O establecemento estará aberto de luns a sábado de 9:00 a 21:30 horas e contará con 80 prazas de estacionamento. Con esta apertura, a marca elevará a 34 as súas tendas en Galicia, onde sobresae a provincia pontevedresa, xa que concentra practicamente a metade delas. De feito, os últimas tres investimentos de grande envergadura da marca focalizáronse no suroeste da comunidade, tras destinar 2,1 millóns de euros a modernizar a súa tenda da Guarda; tras a apertura do supermercado máis grande da marca en Jacinto Benavente (Vigo), á que destinou 4,6 millóns de euros; e, agora, esta intervención no polígono de Porto do Molle.