Gondomar recupera o programa “Cultiva a Mente” para a prevención e detección do Alzhéimer

O Concello de Gondomar recupera o programa “Cultiva a Mente” para a prevención e detección do Alzhéimer. A aula reactívase coincidindo coa celebración do Día Mundial do Alzhéimer e as diferentes reivindicacións que trasladan as asociacións que atenden a pacientes desta doenza e os seus familiares. Accións ás que se sumou o Concello, un ano máis, alumando o seu edificio en verde, cor co que se quere sensibilizar e visibilizar esta doenza.

O obradoiro “Cultiva a Mente” retómase tras a pandemia e contou coa presenza do presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, xunto á concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro. O responsable da asociación agradeceu ao Concello de Gondomar a súa aposta por unha visión transversal das persoas maiores e por visibilizar como éxito das nosas sociedades a súa lonxevidade e todo o que poden achegar aínda”.

De feito, subliñou, que esta é unha das demandas que teñen sobre a mesa sumadas a outras tan importantes como a atención aos familiares coidadores ou a execución dun estudo real da enfermidade na comunidade.

Nese sentido desde o goberno local lembrou a súa implicación coas necesidades e a atención “dos nosos maiores para garantir a mellor calidade de vida”. Así ademais destes obradoiros, ao longo do ano compleméntanse con outras moitas actividades como a ximnasia de mantemento, aula de teatro ou as súas instalacións como o recente inaugurado parque biosaudable, ou o proxecto do futuro paseo fluvial.

Os obradoiros de “Cultiva a Mente” son impartidos por unha psicóloga e neles participan 30 veciños e veciñas de máis de 55 anos. Martes e xoves, durante dúas horas abordan diferentes cuestións prestando especial atención ao envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, así como a aposta pola independencia e autonomía.

Dentro do ámbito das capacidades cognitivas traballarase facendo fincapé en aspectos como as funcións executivas, a memoria, a atención, a orientación, a linguaxe e o cálculo, entre outros.