Andrea Iglesias e Cristóbal Dios proclámanse campións galegos de media distancia no Desafío Islas Cíes

Os triatletas Andrea Iglesias e Cristóbal Dios do Tri Penta Terras de Lugo, proclamáronse campións galegos de Media Distancia esta fin de semana na 8º Edición do Desafío Islas Cíes. Un ano máis, volveu o tríatlon ás inmediacións da Praia do Vao en Vigo. Co mar en calma e un día que amencía ideal para a práctica do tríatlon, os máis de 300 participantes madrugaban para estar na liña de saída para completar os 1900 metros de natación en dúas voltas, 70 quilómetros de bicicleta non drafting, nun recorrido de 22 quilómetros con 3 voltas ata o Paseo da Ramallosa e 21.150 metros de carreira a pé.

Ás oito da mañá daba inicio a proba coa saída de Cristóbal Dios e Xacobo Crego que tiveron unha dura loita ata o final, rematando nas dúas primeiras posicións da proba PRO masculina. Cristóbal Dios, conseguiu unha vitoria moi traballada e convertíase no novo Campión Galego de Media Distancia cun tempo de 3 horas 30 minutos 13 segundos, poñendo punto final á súa excelente carreira como triatleta debido a motivos laborais. A 24 segundos do triatleta do Tri Penta Terras de Lugo, entrou Xacobo Crego do Jealsa Tríatlon Boiro e 4 minutos máis tarde Ricardo Rey do Nosportlimit, completando o podio masculino.

Na categoría feminina a vitoria foi para Andrea Iglesias do Tri Penta Terras de Lugo cun tempo final de 4 horas 8 minutos e 58 segundos, por diante de Elena Roucho, Paula Blanco (Nosportlimit) e Silvia García (Artrogal), que completaron o podio final.