Zona Franca presenta en Mindtech as súas novas naves para industrias en Porto do Molle

O Consorcio da Zona Franca de Vigo despregará estes días na feira Mindtech, que se celebra en Ifevi, unha ampla actividade. Ademais de contar cunha caseta, de 64 metros cadrados, onde se producirán varias presentacións; o delegado do Estado, David Regades, participará en dúas grandes conferencias: unha sobre oportunidades de negocio internacional e outra sobre a mobilidade do futuro.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo interveu na apertura de Mindtech 2021 sinalando que “na pandemia aprendemos moitas cousas, pero unha clara, que é a aposta pola fabricación en Europa”, sinalou. En clave local, para David Regades “estes días o futuro é mellor, porque se deron os primeiros pasos para contar cun Plan Xeral, que permitirá a Zona Franca desenvolver chan para atraer empresas. Hai empresas interesadas e nós recibimos todas as semanas peticións”, subliñou. Lembrou que “mirando a ese futuro temos en proxecto ou en desenvolvemento máis de 3 millóns de metros cadrados”.

O responsable da Zona Franca de Vigo detallou que “nos nosos parques empresariais e espazos están instaladas 705 empresas, que dan emprego a 18.583 persoas. En tres anos o crecemento foi de 45 empresas máis e 1.014 empregos máis, o que supón un crecemento do 6%”.

Tamén se referiu aos fondos europeos de recuperación, que considera “van supoñer unha lombeirada á economía e un exemplo de colaboración público-privada”. Destacou que “en Zona Franca implicámonos ao máximo con proxectos que nacen da necesidade de afianzar a industria ao territorio e lideramos, xunto con outros socios públicos e privados, o primeiro PERTE (proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica) apoiado polo Goberno de España, un proxecto sobre o vehículo conectado V2X”, ademais de adiantar que a próxima semana Vigo acollerá un cume deste proxecto estratéxico.

En Mindtech, o Consorcio da Zona Franca de Vigo presentou a comercialización das 14 novas naves que ten en construción no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, cun investimento de 6,3 millóns. Trátase de naves polivalentes, entre 300 e 500 metros cadrados, que cobren a demanda tipo das pemes cun deseño innovador.