Investigan ao condutor dun vehículo que circulaba a 193 km/h nun tramo limitado a 80

A tarde do pasado día 31 de agosto, foi detectado polo radar veloláser un vehículo circulando polo km. 8,400 da VG-20, termo municipal e partido xudicial de Vigo, a unha velocidade de 193 km/h nun tramo limitado a 80 km/h, non podendo ser interceptado pola patrulla que se atopaba notificando as infraccións.

Realizadas xestións polo equipo GIAT do Subsector de Tráfico de Pontevedra, ao obxecto de pescudar quen conducía no momento de ser detectado cometendo a infracción, o día 10 de setembro actual, localizouse ao vehículo en Vigo, recoñecendo o condutor, un home de 45 anos, de nacionalidade portuguesa, con domicilio en Vigo, ser o que conducía o día da infracción.

Por iso procedeuse á súa investigación por un delito contra a seguridade viaria por exceder en máis de 80 km/h o límite permitido en vía interurbana, pode enfrontarse a pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, leva aparellada a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

Este tipo de condutas constitúe un dos principais factores de risco que concorren nos accidentes en xeral, e dos máis graves en particular, polo que son un importante problema de seguridade viaria, non só para os responsables senón tamén para o resto de usuarios da vía.