Baiona ofrece 31 actividades deportivas para adultos e escolares

Baixo o lema “practica deporte para todos e todo o ano”, a Concellería de Deportes de Baiona poñerá en marcha as Escolas Deportivas Municipais o próximo día 1 de outubro. Este departamento, dirixido por Miriam Costas, mantén aberto o prazo de inscrición para as súas 31 actividades dirixidas a escolares e persoas adultas. A novidade deste curso é a potenciación de tres programas distintos: Escolas Deportivas Municipais, Deporte Escolar e outras Escolas Deportivas.

Así, o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que “a oferta da Concellería de Deportes alcanza aos amantes do deporte individual e colectivo co propósito de ofrecer un abanico de cursos que respondan as demandas da maior cantidade de poboación posible”. “Co lema “practica deporte para todos e todo ou ano”, pretendemos animar e achegar as instalacións municipais á cidadanía indistintamente do sexo e as idades, fomentando a participación e ofrecendo unha forma cómoda e dirixida de facer deporte”.

As persoas adultas poderán acudir aos distintos espazos deportivos do Pavillón Municipal de Baiona a clases de Crossfit, Core, Trx, Ioga, Spinning, Fitness, Ximnasia de Mantemento, Gap, Aerobic, Pilates, Ximnasia Terapéutica, Zoa, Circuit Training, Ximnasio Cardiovascular e adestramento personalizado.

Os escolares poderán desenvolver en cada un dos centros escolares municipais, onde os monitores desenvolvesen actividades xa moi instauradas, Tenis, Baloncesto, Fútbol Sala e outras novidades como Pádel, Fitness Iniciación, Psicomotricidade e Iniciación á Musculación.

En canto ás outras escolas deportivas, a Concellería de Deportes desenvolve esta actividade baixo os convenios de colaboración cos colectivos municipais e que abarca unha multitude moi importante de variedades deportivas a prezos moi competitivos e que permiten diversificar a oferta deportiva. Entre elas atópanse as actividades de Vela Lixeira (MRCYB), Ximnasia Rítmica (Club Estelas de Rítmica), Patinaxe Artística (Club Patinaxe Baiona), Tenis (Club de Tenis Baiona, Baloncesto (Club Baloncesto Baiona), Judo (Deputación de Pontevedra – Federación Galega de Judo), Loita Olímpica (Club de Loita Sabarís), Windsurf e Stand Up Paddle (Wetsport Ladeira), Atletismo (Escola de Running), Tiro con Arco (Bai Arco Baiona) e como novidades para o presente curso escolar 2021-22 presentan a escola de Bádminton que se desenvolve a través do Club Rosalía, Fútbol Americano co recentemente creado club os Conquers de Baiona e Xadrez, que se levará a cabo a través da Federación Galega.

As persoas interesadas en participar en calquera das actividades deberán pasar polas oficinas do Pavillón Municipal e acollerse a unha das distintas opcións do perfil do usuario que abarca desde o socio individual, familiar ou pensionista incluso podendo escoller a duración do perfil seleccionado anual, curso escolar (8 meses, de outubro a maio) ou 4 meses. Tamén se pode tramitar todo vía email: deportes@baiona.org.

Toda a información da Oferta Deportiva do curso 2021-2022 está dispoñible na páxina web municipal https://www.baiona.gal/deportes-e-cultura/area-deportes/ así como tamén a ficha de inscrición para matricularse. Para maior información dirixirse ao Pavillón Municipal, ou a través do teléfono 986 356 558 ou o correo deportes@baiona.gal.

OFERTA DEPORTIVA 2021-2022