
O Concello de Nigrán súmase por segundo ano consecutivo ao proxecto Libera “1m2 polas praias e mares” cunha xornada de limpeza matinal este domingo 19 de setembro en Praia América. O punto de encontro é ás 11:00 horas no campo de fútbol de Lourido, desenvolvéndose a acción especialmente na contorna do peirao, onde só é posible a limpeza manual. Os interesados deben inscribirse a través dun formulario situado na portada da web municipal http://www.nigran.es, estando o aforo reducido a 30 prazas. Recoméndase levar luvas, auga e roupa e calzado axeitado ao día.
Esta acción voluntaria ten como obxectivo non só liberar á natureza de lixo, se non caracterizar e tipificar o refugallo en cada punto onde se atopa. A xornada desenvolverase coas medidas de seguridade e prevención necesarias para salvagardar a saúde dos participantes. “Se hai unha forma de concienciar desde a participación cidadá é animando á xente para saír aos espazos naturais e recoller o que ninguén debía abandonar en primeira instancia: a liberar, en definitiva, a natureza de basuraleza”, sinala o alcalde, Juan González.