Nigrán recibe o espazo interactivo “Creactivity” dirixido a fomentar o deseño e o enxeño na infancia

O Concello de Nigrán acolle desde hoxe e ata mañá 14 de setembro o proxecto da obra social “la Caixa” Creactivity, un espazo deseñado para fomentar a creatividade, o enxeño e a destreza dos nenos e as nenas de entre 6 e 16 anos ou grupos familiares. A iniciativa toma forma a través dun autobús convertido nunha unidade móbil adaptada que se atopa na Praza do Concello (permanece aberto ao público de 10:00 a 14:00 e de 18:30 a 20:00 horas). A maiores, ao longo destes dous días grupos de escolares o visitarán (conta con persoal facilitador para espremer ao máximo o proceso de creación).

O vehículo está equipado por dentro con bancos, mesas de traballo e diversas probas dispostas para os escolares. Así, conta con diferentes áreas para poñer en práctica distintas habilidades: a zona da Mecánica, con espazos de engrenaxes, mecanismos, canicas e máquinas de pinball; a zona do Vento, con tubos de vento; a zona da Electricidade; e a zona da Luz, co sistema stop motion.

Baseado no “design thinking”, busca que os participantes realicen creacións e construcións, xa sexa de maneira individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios retos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.

O obxectivo último do Creactivity é empoderar aos nenos e ás nenas para que interveñan no mundo que lles rodea. Nun novo paradigma no que o deseño está a gañar cada vez maior protagonismo (o movemento “maker” é un exemplo diso), o Creactivity ofrece aos participantes a oportunidade de enfrontarse a novos desafíos de maneira creativa, desenvolvendo habilidades como o traballo en equipo e a autonomía. Ademais, é unha moi boa oportunidade para que o alumnado participe de maneira activa nas prácticas científico-técnicas e artísticas, vivindo situacións que poden ser moi bos puntos de partida ou de aplicación de aspectos clave tratados na aula.