Gondomar adquire unha marcadora para loitar contra a velutina

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, dirixida por Brais Misa, segue dando pasos para combater a invasión das velutinas no municipio e retirar os niños que desta especie formáronse neste ano, experimentando un ritmo de crecemento importante.

Ás trampas que no seu día se facilitaron aos apicultores da zona súmase agora unha marcadora que permitirá inocular veleno aos niños de forma directa a través do disparo de cápsulas biodegradables. “É o 012 o que debe atender os requirimentos das persoas afectadas, pero o considerable atraso co que son atendidos fainos intervir porque o goberno local non pode quedar cruzado de brazos”, manifestou o rexedor Paco Ferreira.

A nova marcadora, que cumpre todos os requisitos establecidos pola normativa, permitirá acceder a aqueles niños que se atopan a máis altura, podéndose alcanzar ata os 50 metros. O concelleiro de Medio Ambiente reitera que é o teléfono gratuíto 012, dependente da Xunta de Galicia, ao que deben dirixirse sempre en primeiro lugar os afectados polos niños das velutinas, pois o goberno autonómico financia unha empresa específica para atender estes casos.

“Certo é que o incumprimento sistemático dos cinco días de prazo para actuar pola súa banda levan a moitos veciños e veciñas a recorrer a nós”, explica o edil, que lembra que só neste caso poden pedir axuda ao concello, cubrindo unha solicitude que pode retirarse no rexistro municipal ou a través da web.

Competencias que asume o goberno de Gondomar coa colaboración de tres apicultores expertos aos que no último ano facilitóuselles traxes de protección integral e materiais específicos, ao que se sumaron 50 trampas para acabar coa velutina, sumando agora a nova marcadora que permitirá avanzar no control desta especie invasora.

Medio Ambiente tamén ten en marcha un ficheiro de control de retirada dos niños, segundo o que no primeiro semestre deste ano 2021 retiráronse xa un total de 103 niños fronte os 178 retirados en todo o ano 2019.