Máis de 70 persoas xubiladas realizan a primeira etapa do Camiño de Santiago pola Costa

O Concello de Nigrán ofreceu este sábado a primeira etapa do Camiño de Santiago aos seus maiores desde A Ramallosa adaptado a tres etapas de 8 km de andaina (complétanse con autobús) durante os sábados 11, 18 e 25 de setembro. Trátase de facer deporte, mellorar a saúde e coñecer un pouco máis a nosa cultura e vai dirixido a persoas xubiladas empadroadas no municipio que se atopen en boas condicións físicas e estean acostumadas a longas camiñadas.

O Concello sufraga todos os gastos de desprazamento en autobús e guías e os participantes deberán abonar 10 € por cada xantar no respectivo restaurante concertado (30 € en total).

Os máis de 70 participantes iniciaron a excursión ás 9:00 horas camiñando desde A Ramallosa con parada para comer e autobús a continuación a Pontevedra para finalizar cunha ruta turística nesta cidade (sempre inclúe o regreso a Nigrán en autobús). A seguinte etapa será o 18 de setembro con saída en autobús desde o Concello de Nigrán cara Pontevedra para camiñar desde aí a A Cancela e, posteriormente e xa en autocar, realizar unha ruta turística en Caldas de Reis. Finalmente, o 25 de setembro os participantes irán desde Nigrán a Padrón en autobús para coñecer esta localidade e desprazarse despois ao Monte do Gozo co obxectivo de chegar a pé á Praza do Obradoiro.

“Este é Ano Santo e os nosos maiores despois dun confinamento tan duro precisan ter opcións de ocio que inclúan actividade física e socialización, polo que consideramos esta opción como a máis estimulante que ofrecer neste mes de setembro”, explica María Mayán, edil de Maiores.