A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Gondomar esixe a volta inmediata á atención presencial

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Gondomar, constituída o pasado 31 de agosto, está conformada por organizacións veciñais, sociais, sindicais e políticas, ademais de persoas a título individual, e está aberta a novas incorporacións. Nacida ante a situación de colapso da Atención Primaria, a Plataforma esixe a volta inmediata á atención primaria 100% presencial a través dunha campaña informativa e de recollida de sinaturas para reclamar da Xunta a apertura real do Centro de Saúde de Gondomar, con consultas presenciais e o remate das listas de agarda a través do desdobramento das consultas e o incremento do cadro de persoal.

Durante a pandemia, na Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso equilibrado dos pacientes aos centros sanitarios e reduciuse o aforo das salas de espera, obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros para recibir atención. “Esas restricións provocaron que hoxe cheguemos a ter agardas de máis de 12-15 días para sermos atendidos de forma telefónica, que poden converterse nun mes para unha consulta presencial, o que provoca nas persoas usuarias un sentimento de abandono e desprotección por parte do sistema sanitario público”, indican desde a Plataforma.

Ante esta situación, o prego de recollida de sinaturas diríxese ao goberno da Xunta de Galicia, como único responsable do deterioro da Atención Primaria en beneficio da sanidade privada, e esixe do Servizo Galego de Saúde:

– a apertura real do Centro de Saúde de Gondomar, con consultas presenciais como única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias, máscaras e distancia de seguridade. Limitando as consultas telefónicas ou telemáticas as actividades complementarias que non mingüen ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e traballadoras da Atención Primaria e as persoas usuarias desta;

– a mellora da accesibilidade, acabando coas listas de espera, reducindo as agardas a un máximo de 24-48h;

– incremento do cadro de persoal do Centro de Saúde co desdobramento das consultas.

Neste mes de setembro, a Plataforma desenvolverá a súa campaña coa instalación de mesas de información e de recollida de sinaturas na contorna do Centro de saúde e noutros puntos da vila de Gondomar, e culminará esta primeira fase coa convocatoria dunha concentración a celebrar o primeiro sábado de outubro.