Gondomar poñerá en marcha unha Escola Municipal de Xadrez

O Concello de Gondomar poñerá en marcha unha Escola Municipal de Xadrez. Quere converterse nun punto de encontro de xadrecistas e en promotor da práctica deste xogo en toda a comarca do Val Miñor “da que esperamos xurdan novos campións e campioas na materia”. A Escola, que comezará a funcionar en breve, abrirá a matrícula para a mocidade e adultos.

A Escola poñerase en marcha en colaboración de “Xadrez Galego” e contemplará a opción de impartir as clases tanto presenciais como en liña “para facilitar ao máximo a posibilidade de formarse a todos aqueles que estean interesados en matricularse”, afirmou o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, quen anunciou que “iremos máis aló á hora de relanzar esta actividade deportiva, coa celebración de xornadas abertas e campionatos durante todo o ano”. Ademais colocaranse diferentes taboleiros de xadrez en zonas de lecer nas que poder xogar en calquera momento do ano.

A futura Escola Municipal de Xadrez de Gondomar nace coa ambición de converterse nun referente e para iso contará coa colaboración do Mestre Internacional e director do centro Xadrez Galego, Roberto Paramós, que agradeceu “a boa disposición mostrada por Gondomar e o seu alcalde á hora de apoiar a posta en marcha do centro” no que ademais de formar a futuros e futuras xadrecistas, tamén “nos encargaremos de potenciar e promocionar esta actividade e organizar diferentes competicións”.

“Todo está en marcha xa”, afirmou Paco Ferreira, “e en breve daremos a coñecer o calendario 2021/22 das distintas citas que se programarán e que estarán baixo a supervisión da Concellería de Deportes, dirixida por Nuria Lameiro”. Nos próximos días abrirase o prazo de inscrición, que será publicitado na web e redes sociais, e “poderanse ir descubrindo e gozando xa de partidas nos distintos taboleiros que se situarán en Gondomar ao aire libre”, concluíu o alcalde.