Bouzós acusa a Ferreira de mentir e enganar á oposición ao non convocalos á xuntanza sobre o local social de Prado

Na comisión informativa do pleno celebrada o pasado 30 de agosto, debateuse unha solicitude da Comisión de Festas de Prado para incluír na orde do día do seguinte pleno un punto sobre a situación do local social e dar voz ao presidente da comisión. Durante o debate decidiuse, que en lugar de incluír o punto na orde do día era mellor celebrar unha xuntanza nesta semana convocando á Comisión de Festas, á Entidade Local Menor de Morgadáns e todos os partidos da Corporación Municipal.

Segundo afirma a voceira do PP gondomareño, no día de onte celebrouse dita xuntanza sen a presenza dos membros da oposición, xa que o alcalde non avisou da celebración da mesma, “só co afán de que ninguén lle puidese rebater os argumentos que tiña para xustificarse ante os veciños de Prado”. “Isto mesmo pasou coa aprobación dos proxectos de obras do polígono da Pasaxe, por darlle un voto de confianza así nos foi. Este alcalde míntenos cada vez con maior asiduidade, aparte de ocultarnos información que tarde ou cedo acaba saíndo á luz. O Sr. Ferreira non é de fiar, e o demostra cada día”, afirma Paula Bouzós.

O Partido Popular non sabe que é o que pretende agochar agora o alcalde, “se o seu deixamento neste asunto como fixo ata o de agora ou incluso querer quedar ben logo de non mostrar ningún interese en resolver o caso ata que a mobilización dos veciños o fixeron reaccionar”. Paula Bouzós afirma que seguirán apoiando aos veciños de Prado para evitar o derribo do seu local social da forma que sexa necesario, e que esixen ao alcalde que convoque unha nova xuntanza para explicar a todos a situación actual na que se atopa o expediente de derribo do local.