O artista Rafael Cachaldora “arriba” á Capitanía Marítima de Baiona coa súa nova exposición Alén do Mar

A Capitanía Marítima de Baiona acolle a obra pictórica e escultórica do artista Rafael Cachaldora. A mostra, que leva por título Alén do Mar, reúne un total de 20 esculturas, 20 pratos de polbo e 21 lenzos. Gran parte das pezas que se poden ver na exposición, foron realizadas ao longo do 2020 en Baiona, localidade de residencia de Cachaldora desde 2017.

A exposición permanecerá colgada nas paredes da Sala de Exposición da Capitanía Marítima de Baiona ata o 15 de setembro, en horario de 18:00 a 21:00 horas de luns a venres e en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 durante a fin de semana.

Rafael Cachaldora é un artista multidisciplinar que nace en 1973 en Ourense. Traballa con diversos materiais, soportes e técnicas. No ano 2001 recibe o segundo premio no Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 2001 pola escultura Tosca Naturaleza Humana.

No seu periplo internacional, cabe destacar Ontología (2009), primeira mostra internacional do artista en Monforte San Giorgio, en Messina, Sicilia, Castiglione de la Pescaia e Siena, na Toscana. Tras esta exposición aterrou en Polonia, para presentar Divina Comedia (2010) no Campus Natolin de Varsovia. A colección de Ontología formou parte da exposición que puido verse no Museo Municipal de Ourense en 2014. No verán de 2015 presentou a súa última exposición internacional EuroAsia que se celebrou en Moscova e en setembro dese mesmo ano colgou as súas ilustracións no pavillón italiano da Expo 2015 celebrada en Milán.