Gondomar dota ao municipio do Regulamento do Programa Municipal de Acción de Voluntariado

O pleno de Gondomar deu luz verde ao regulamento que rexerá a acción dos voluntarios e voluntarias no municipio, un texto que, entre outras cuestións, inclúe a creación dunha bolsa municipal de voluntariado con seguro e formación para os seus integrantes. A colaboración poderase desenvolver en diferentes proxectos como os sociais, sanitarios, educativos ou ambientais, entre outros.

O novo regulamento recolle os dereitos e deberes das persoas que queiran formar parte de actuacións que se consideren dentro do ámbito da acción voluntaria, a realización de accións de interese xeral vinculadas coa acción social e o benestar social, as de natureza sociosanitaria, de defensa dos dereitos humanos, da infancia, das persoas con discapacidade, da efectividade dos dereitos en condicións de igualdade das mulleres, loita contra a pobreza, de cooperación ao desenvolvemento ou de defensa do Medio Ambiente, entre outras ámbitos.

“O obxectivo é lograr un programa transversal para que calquera proposta que se expoña dende calquera Concellería, ou calquera idea que se nos propoña, póidase valorar e realizar”, explica o concelleiro de Voluntariado, Brais Misa, que lembra que “este regulamento quere sentar as bases necesarias e definitivas para ofrecer a máxima seguridade xurídica dunha actividade que cada vez é máis frecuente no municipio”.

Segundo o texto aprobado, pendente da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, poderán formar parte do voluntariado as persoas maiores de idade, ou menores a partir dos 12 “que conten coa autorización expresa dos proxenitores ou titores legais”. En todos os casos valorarase que presenten o perfil adecuado para as tarefas que vaian desenvolver.

Os aspirantes deberán pasar unha entrevista de admisión na que explicar os motivos polos que queren formar parte do programa de voluntariado municipal, e onde se lles informará dos diferentes proxectos nos que se poden inscribir, os traballos que deberán realizar, así como os seus dereitos e obrigacións.

Ademais garántese a súa formación antes de iniciar o seu labor dentro do programa así como un seguro durante o desempeño do seu traballo a favor da causa elixida. Establécese tamén unha comisión de seguimento que se reunirá unha vez ao ano para avaliar as actividades dos voluntarios e voluntarias, así como o resultado das campañas nas que se está traballando.

Por outra banda o texto recolle a obriga de redactar anualmente unha memoria e plan de actividades, así como un rexistro interno de altas, baixas e outras incidencias na que poidan atoparse os integrantes do programa.