Baiona recupera a romaría de San Cosme e San Damián con tres días de programación

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Procesión de San Cosme e San Damián.

O Concello de Baiona abre mañá o prazo para a presentación de solicitudes de venda ambulante durante a Festa do Mel e as Noces que se celebrará os próximos 24, 25 e 26 de setembro con motivo da romaría de San Cosme e San Damián, organizada pola Concellería de Cultura. Nos distintos postos de venda ofertaranse produtos do campo, comida, artesanía ou plantas. Debido ás circunstancias excepcionais nas que nos atopamos pola pandemia do COVID-19, o número de autorizacións de venda previstas será menor que en edicións anteriores, debido ao cumprimento da normativa actual.

O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 17 de setembro. A solicitude e a declaración responsable pódese descargar da páxina web do Concello de Baiona, http://www.baiona.gal (para máis información poñerse en contacto no número de teléfono 986 385 921).As solicitudes deberán presentarse na data indicada por rexistro de entrada do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou pola Sede electrónica (www.baiona.gal).

Entre o 24, 25 e o 26 de setembro, este primeiro festivo local en Baiona, ofícianse actos relixiosos na honra dos santos e como obriga a tradición, algúns romeus ofrecerán os seus produtos do campo, figuras de cera e donativos en agradecemento polos favores recibidos.

Durante tres días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Ademais, o mercado será amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandereteiras e pasarrúas. A través de “Cultura no Camiño” farase unha homenaxe á tradición oral co espectáculo “Mulleres de sal, mulleres de terra”, e a través de Agadic xunto coa Federación Galega de Bandas Populares farase unha actuación dentro do programa “O país das bandas”, co que se conta encher de contido estes tres días de romaría.

Debido ás circunstancias excepcionais nas que nos atopamos ocasionadas pola pandemia do Covid-19, cada posto de venda deberá cumprir ademais, unha serie de requisitos entre os que se atopa: as persoas que atendan o posto de venda deberán utilizar máscara obrigatoriamente e deberán velar que o público non se aglomere no seu posto e que manteñan a distancia de seguridade interpersoal; ter xel desinfectante ao dispor do público, así como calquera outra medida de prevención de contaxios e restricións que determine a autoridade sanitaria no momento de celebrarse a romaría.

En canto á adxudicación das autorizacións, unha vez terminado o prazo de instancias, o día 23 de setembro procederase á concesión dos postos e a información será publicada na páxina web municipal http://www.baiona.gal.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destaca que “o Goberno local profunda na súa aposta pola recuperación da gran romaría de San Cosme e San Damián no municipio, con tres días de programación. Se aposta pola liña de recuperación e posta en valor do arraigamento desta tradicional festa. Trátase dunha celebración que suma legado e vangarda vinculada ao ámbito tradicional, por iso desde o Concello de Baiona envorcámonos para que brille como se merece”.