Un grupo de turoperadores de luxo visitará Baiona

Coa intención de reforzar a promoción de Galicia no mercado americano, a Xunta de Galicia organiza desde hoxe e ata o vindeiro mércores unha viaxe de familiarización para representantes de diferentes axencias especializadas en turismo exclusivo e de luxo dese país. Os profesionais coñecerán recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos da Comunidade galega para deseñar e ofrecer despois experiencias turísticas en Galicia a este tipo de mercado.

A acción desenvólvese en colaboración coa Oficina Española de Turismo dos Ánxeles e o turoperador Exclusivelyspain.us. Participarán un total de cinco axentes especializados en turismo personalizado ou de pequeno grupos, turismo enogastronómico e relixioso que contan entre os seus clientes con empresas de Silicon Valley, a industria do cine e do arte ou directivos de empresas multinacionais, entre outras.

No programa da viaxe inclúense visitas a varias adegas, prospeccións en establecementos hoteleiros e visitas a lugares como a cidade de Santiago de Compostela, visitando emprazamentos como a Cidade da Cultura, o Monte do Gozo ou o casco histórico. Tamén estarán na cidade de Lugo e a Ribeira Sacra. Achegaranse ata a comarca do Ribeiro, en Ourense, incluíndo visita ao Museo do Viño, e tamén estarán en localidades como Vigo e Baiona.

Camiño Portugués da Costa

Os turoperadores coñecerán tamén algúns dos restaurantes con Estrella Michelín de Galicia e farán parada en recursos como o Monte de Santa Trega e, no concello de Oia, farán a pe un tramo do Camiño Portugués da Costa. Combarro, Pontevedra, Sanxenxo, A Illa da Toxa ou Cambados son outras das visitas previstas nesta viaxe.

Con esta acción, Galicia continúa a reforzar o seu traballo para impulsar o turismo entre o mercado americano. É o terceiro país estranxeiro do que Galicia recibe máis turistas e tamén o terceiro país do que chegan máis peregrinos.