Unha senda peonil a través do CEIP Humberto Juanes achega a nova biblioteca de Nigrán ao centro urbano

O Concello de Nigrán está a construír unha senda peonil a través do CEIP Humberto Juanes que evitará á veciñanza dar o actual rodeo pola rúa Rosalía de Castro para achegarse a pé á nova Biblioteca ou á súa contorna. O novo atallo comunica Curros Enríquez (entrada ao colexio) con Estrada pola Vía reducindo a distancia total nun 20% (uns 500 metros). Deste xeito, o alumnado do centro educativo só terá que cruzar o paso de peóns da Estrada pola Vía (altura do número 120) para estar na porta de acceso á Biblioteca. O camiño, realizado por operarios municipais, é posible grazas á cesión do centro en favor de toda a cidadanía, tendo o mesmo un ancho de 3 metros e afectando só a o perímetro do lado Noroeste.

A actuación completarase coa adecuación dun terreo municipal actualmente en desuso de 500 m2 a carón da Estrada pola Vía (onde remata este novo carreiro) para crear un pequeno aparcamento. Paralelamente, a senda dará continuidade á beirarrúa que o goberno local habilitou hai anos desde a praza do Concello ata o centro educativo, seguindo así os criterios das “Cidades Amigas da Infancia” para dotar ás crianzas de camiños escolares seguros.

“É unha maneira máis de promover os desprazamentos a pé por carreiros seguros e libres de tráfico e de crear un núcleo urbano máis amable para as persoas”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que o centro educativo quedará tan achegado peonilmente á nova Biblioteca que poderán empregala como calquera outra instalación máis do seu recinto.