Como todos os últimos xoves de cada mes, a Libraría Libraida e a Taparía A Galiña de Ardora de Gondomar organizan “Unha tapa con Carlos Casares”, unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.
O acto, que comezará ás 20:00 horas, está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía. Nesta ocasión “Vento ferido” comentada por Dolores Vilavedra Fernández e “10 lecturas compartidas con tapa”.
Unha ducia de relatos curtos forman “Vento ferido”, o libro que deu a coñecer a Carlos Casares en 1967 no entón nacente panorama literario galego. Nesta primeira obra, o autor toca xa algúns dos temas que serán fundamentais na súa traxectoria: a memoria, a desesperanza e a violencia. Alternando o monólogo interior coa narración en terceira persoa, Casares retrata personaxes desesperados, vellos que agardan unha visita que os saque da monotonía, cegos, enfermos e vítimas de amores imposibles, cunha linguaxe seca e apegada á oralidade.
Dolores Vilavedra Fernández é profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela.

