
O Concello de Nigrán iniciou hoxe coa totalidade das prazas cubertas (130 inscritos da actividade paralizada en marzo do 2020) o programa integral para a prevención do deterioro cognitivo e benestar físico e emocional dirixido a maiores de 60 anos e pensionistas empadroados no municipio. Nesta nova edición o Concello de Nigrán ofrece catro obradoiros para exercitar a memoria con 60 persoas participantes, dous obradoiros de “Vivilo Corpo” con 28, e finalmente, catro de informática con 60 veciños.
Agás informática, impartida polo voluntario Antonio Lago (mestre xubilado) o resto do programa corre a cargo de AGA Formación, Servizo Socioeducativo Integral que gañou o concurso para impartir estes cursos. O alcalde e a edil de Maiores, María Mayán, visitaron aos maiores inscritos na sesión inaugural para presentarlles os cursos.
Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles baséase este programa que ofrece o Concello de Nigrán no Centro da 3ª Idade de A Ramallosa.
O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia.
“Temos que volver pouco a pouco á normalidade, o illamento provocado pola COVID supuxo un deterioro importante nos nosos maiores e toca recuperar o tempo perdido, seguir apostando por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón para os que si teñen deterioro cognitivo”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.