Anuncios
Ticker de novas

O Monte Real pecha a tempada de regatas de 2018 coa Liga de Outono AXA J80

Tras un intenso ano velístico no que organizou 10 regatas e un tríatlon solidario para impulsar a vela adaptada en Galicia, o Monte Real Club de Yates clausura o seu calendario deportivo de 2018 coa celebración da Liga de Outono AXA J80.

A competición que poñerá punto e final á tempada do club baionés celebrarase en catro etapas, durante os meses de outubro e novembro, empezando este mesmo sábado día 13 coas primeiras probas e finalizando o sábado 24 de novembro coa xornada final e a entrega de premios aos gañadores.

Serán catro xornadas nas que os participantes poderán enfrontarse a dous tipos de percorridos segundo as condicións meteorolóxicas e o que determine o comité de regata. Serán trazados costeiros, con pasos obrigados por diferentes puntos ou balizas; ou percorridos entre boias, do tipo barlovento sotavento, con dúas cinguidas e dúas popas.

Na liguiña participarán, en exclusiva, veleiros da clase J80, un tipo de barcos que o club baionés leva impulsando desde hai anos, coa creación dunha importante frota con sede en Baiona á que se foron sumando monotipos da Coruña, Vigo e Portugal.

Para eles o Monte Real programa todos os anos dous trofeos específicos, as ligas de outono e inverno. Ademais, neste 2018, dada a importancia da frota galega de J80, a Real Federación Española de Vela delegou no club a organización do Campionato de España de J80, que se celebrou o pasado mes de abril en Baiona.

Nel tivo un especial protagonismo o Okofen de Javier de la Gándara, que quedou primeiro entre a frota galega e logrou o terceiro posto do podio do nacional. A tripulación, que este ano se fixo tamén co título de mellor J80 da tempada en Galicia, tratará de revalidar na Liga de Outono AXA J80 a vitoria lograda en 2017.

Na edición anterior, os de De la Gándara arrebatáronlle o triunfo, na última xornada, ao Cansino de Fernando Yáñez, que viña líder da competición, e que se tivo que conformar cun meritorio segundo posto. Pechou o podio o Ferralemes de Enrique Porto.

Anuncios