Denuncian o estado de abandono do Acueduto do Bravo en Gondomar

Voluntarios de Proxecto Ríos de Gondomar fan unha dobre denuncia sobre o patrimonio natural e cultural. Por un lado o estado de abandono dun elemento patrimonial tan importante coma é o Acueduto do Bravo, pintado con varios graffitis ou mellor dito emborrallado con pintura. Por outro lado os accesos ao mesmo están cheos de maleza. “Non entendemos cómo no século XXI esta referencia de enxeñería civil fluvial do século XVII pode estar neste estado de abandono pola administración e por un sector da veciñanza”.

Tamén denuncian un ano máis o lixo depositado no propio acueduto e nas marxes do río Zamáns, que discorre por baixo. “Dito lixo claramente indica a idade dos que o deixaron alí. A educación medioambiental coma a educación en xeral susténtase en tres piares a lo menos: a familia e a escola en maior medida, pero tamén nas administracións, neste caso na local, sobre todo. Esta última ten mecanismos para frear estas condutas e aplicar as leis e outro xeito de pedagoxía”.

Aproveitan ademais para anunciar que a próxima limpeza organizada por Proxecto Ríos nos cursos fluviais de Gondomar será o último domingo de setembro.