Aberto o prazo de inscrición para os programas que AFAGA imparte en Baiona

A Concellería de Servizos Sociais informa da apertura de prazo de inscrición dos programas que o Concello de Baiona en colaboración con AFAGA está a impartir no municipio. As persoas interesadas en participar poderán facelo desde o vindeiro luns día 6 de setembro e ata o 30 deste mes. O vindeiro luns día 6 de setembro iniciarase novamente o curso do Programa de Estimulación Terapéutica para persoas con necesidades específicas do que se están beneficiando veciños e veciñas do municipio. Tamén, o do obradoiro “Cultiva a Mente”.

Desde o departamento infórmase de que se abrirá ese mesmo día o período de inscrición para participar nos obradoiros ata límite de aforo. As persoas interesadas deberán chamar aos teléfonos 986229797 ou 986385926 en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os obradoiros do Programa de Estimulación Terapéutica para persoas con necesidades específicas diríxense a persoas co obxectivo de desenvolver a estimulación cognitiva e funcional, ao mesmo tempo que se proporciona apoio aos familiares coidadores.

Xa son moitos os veciños e veciñas do municipio que se beneficiaron o curso pasado e que este ano continúan coa experiencia, considerando que foi moi enriquecedora para eles. O Alcalde do Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca “o compromiso do Concello en proporcionar recursos á nosa poboación e dar continuidade aos programas, sendo unha resposta dos dereitos que a cidadanía demanda”.

Os obradoiros terán lugar os luns e venres nas instalacións do Multiusos Ángel Bedriñana, Rúa Carabela Pinta número 9, en horario de mañá de 10:30 a 13:00 horas. Igualmente, o Departamento de Servizos Sociais, do que é responsable a edil Concepción Vara, dará continuidade ao obradoiro “Cultiva a Mente”, programa iniciado no ano 2019, cunha acollida elevada, consolidándose no 2020.

Este ano “Cultiva a Mente” dividirase en dous grupos os luns en horario de 16:00 a 18:00 e de 18:00 a 20:00 horas no Multiusos Ángel Bedriñana. O obradoiro está dirixido a maiores de 55 anos interesados no desenvolvemento activo e participativo, promovendo hábitos de vida saudables, mantendo un rol que facilita unhas mellores relacións sociais, a prevención da soidade, así como a independencia e a autonomía persoal.