O vento, protagonista na xornada inaugural do 36º Trofeo Príncipe de Asturias

Organizado polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA, o Trofeo Príncipe de Asturias inaugurou este venres a súa trixésimo sexta edición cunha primeira xornada na que o vento foi o gran protagonista.

Tívoo difícil tanto a frota como o comité, especialmente no campo de regatas das catro divisións de ORC, e é que Eolo resistiuse a soprar con forza suficiente para inaugurar a clasificación das clases Aceites Abril ORC 1, Nacexa ORC 2, Volvo Autesa ORC 3 e Martin Miller ORC 4. Si houbo condicións na área de regatas dos Solventis J80 e Gestilar Ladies Cup, que puideron completar o seu programa de probas dentro da baía de Baiona, co Alboroto-Maui Jim de Juan Carlos Ameneiro e o Erizana de Sara Carmo como primeiros líderes da xeral.

Desde primeira hora da mañá todo parecía indicar que sería unha xornada longa en augas das Rías Baixas. Co primeiro bocinazo de saída programado ás tres da tarde para todas as clases, o comité de regatas do campo dos ORC tivo que aprazar o comezo das probas ante a ausencia total de vento fronte ás Illas Cíes. A espera alongouse preto de dúas horas ata que finalmente, pasadas as seis e media da tarde, e despois de que o comité fixese un último intento movendo o campo de regatas ao interior da baía, deuse por terminada a xornada sen poder completar ningunha manga.

Máis sorte tiveron os equipos das categorías Solventis J80 e Gestilar Ladies Cup nun campo situado na baía de Baiona fronte ás instalacións do Monte Real. Alí Eolo si cumpriu e o comité puido completar todas as probas previstas cun vento de seis nós de intensidade do nordeste que se mantivo practicamente toda a tarde.

Na clase Solventis J80, que disputou un total de tres mangas, a primeira xornada do Príncipe de Asturias estivo máis que rifada cos catro primeiros equipos da xeral separados por só cinco puntos. O Alboroto – Maui Jim de Juan Carlos Ameneiro (MRCYB) foi o mellor do día cun segundo, un sexto e un primeiro que o sitúa con nove puntos no primeiro caixón do podio provisional.

Por detrás, dobre empate na segunda e terceira posición entre o Okofen de Javier de la Gándara (MRCYB), que gañou a primeira proba do día, e La Galera de Miguel Fernández Vasco (RCN A Coruña). Ambos os dous equipos con doce puntos e dous de vantaxe sobre o cuarto clasificado, o Etnia Barcelona de Peru Múgica (RCM Santander).

Na Gestilar Ladies Cup, que este ano cumpre as súas vodas de prata, domina o Erizana da regatista olímpica Sara Carmo (Mariña Burriananova – Som Vela) cunha vitoria parcial na primeira proba e un segundo posto. A dous puntos das de Carmo, o Ladeira de Carmen Galdós (RCMA – RSC) sitúase en segunda posición cun cuarto e un primeiro posto mentres que o Serralleiras de Eva González (RCM Santander) ocupa o terceiro posto tras sumar un terceiro e un cuarto na súa marcadora.

Á frota que este venres inaugurou o Trofeo Príncipe de Asturias sumaranse, mañá sábado, os barcos das clases Gadis ORC 5 e SH Robotics ORC Open. Entre estes últimos sairá tamén a navegar o Txole do Monte Real Club de Yates, un barco cedido polo club a un grupo de alumnos da súa Escola de Vela Adaptada para persoas con diversidade funcional que, co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, van participar na competición. Son membros de ASEM Galicia, a Asociación Galega contra as enfermidades neuromusculares, e a iniciativa forma parte do programa “Vela para todos” do Monte Real.

A xornada do sábado estará protagonizada, ademais, pola gala de Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, que reunirá a algúns dos deportistas e equipos máis destacados do ano. Celebrarase ás oito da tarde, contará coa presenza, entre outros, de cinco regatistas olímpicos e será retransmitida en directo pola web da Televisión de Galicia. Este ano os premiados son o catalán Didac Costa (mellor regatista oceánico), o Spain SailGP Team (mellor equipo e proxecto innovador), a tripulación formada pola galega Támara Echegoyen e a balear Paula Barceló (mellor equipo feminino), o proxecto de comunicación do equipo olímpico de Tokio 2020 (premio Mariano Augado de Comunicación), Joan Cardona (mellor regatista olímpico) e Jordi Xammar e Nico Rodríguez (mellor equipo olímpico).

A trixésimo sexta edición desta gran cita coa vela en Galicia celébrase grazas ao patrocinio de ABANCA (Trofeo Príncipe de Asturias), ADEGAS TERRAS GAUDA (Premios Nacionais de Vela) e GESTILAR (patrocinador da Ladies Cup); e contou co apoio da Xunta de Galicia a través de Deporte Galego e Política Social; a Deputación de Pontevedra, o Concello de Baiona e as Reais Federacións Española e Galega de Vela. Tamén colaboraron Zelnova Zeltia, Paradores, Vanguard, Gadis, Foxy, Onda Cero, Solventis, Volvo Autesa, Nacexa, ¡HOLA!, Helly Hansen, SH Robotics, Grupo Solitium, Tactic Audiovisual, Tuypan, Coca Cola, Martin Miller e Aceites Abril.