Un grupo de veciños de Parada convocan un acto público para o vindeiro venres día 20 ás 20:00 horas no local social da parroquia no barrio da Igrexa para explicar o contido e tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Coa finalidade de fomentar a transparencia e a participación veciñal, a este encontro público foron convidadas todas as agrupacións políticas con implantación no Concello de Nigrán, que a maioría delas xa confirmaron a súa asistencia, para que expoñan tanto para a parroquia de Parada como para o resto do municipio de Nigrán, na medida que poidan facelo pola falta da documentación completa do PXOM, a súa opinión sobre o documento do planeamento urbanístico para a aprobación provisional e definitiva exposto parcialmente na páxina web do Concello.
A razón pola que tomaron esta iniciativa foi debido á falta dunha xunta directiva na asociación veciñal que debería ser a entidade que convocase un acto deste tipo. Pola parroquia de Parada xa pasou o equipo de goberno a dar a súa opinión sobre o documento coñecido parcialmente pero tamén interesa coñecer a opinión que teñan os demais grupos políticos, como no ano 2006 que foron polas parroquias a expoñer a súa posición.

